O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, recibiron este mediodía no Concello a Ángel Manuel Hernández, o policía natural do municipio que resultou ferido nos disturbios de Barcelona, o pasado 18 de outubro; e que agora se recupera na casa familiar en Río Covo.
No encontro, no que estivo acompañado polo seu pai, Ángel, recordaron o seu pasado como traballador deste Concello -no GRUMIR e como socorrista-; e como mostra de cariño, entregáronlle un prato de cerámica de Sargadelos.
Villares afirmou que “alegrounos ver que Ángel Manuel estase recuperando pouco a pouco desas feridas que sufriu no brazo e da posterior intervención cirúrxica pola que tivo que pasar, e que mellor sitio para facelo que rodeado dos seus, na casa”.
O rexedor quixo amosarlle o seu agradecemento “a el e a todas as forzas e corpos de seguridade pola solidaridade amosada e por velar sempre pola convivencia pacífica entre todos os cidadáns”.