EFE. Despois de que decidise marcharse unha das dúas familias que aceptou a oferta do Concello de Trabada para ocupar gratis unha casa rehabilitada polo goberno local no municipio, co único requisito de escolarizar aos seus dous fillos pequenos no colexio da localidade para manter a aula infantil do centro, a alcaldesa, a socialista Mayra García, asegura que non está disposta a tirar a toalla.
Precisou así á prensa que a casa que quedou baleira está libre para que outras familias, sempre que teñan dous fillos en idade infantil -entre 3 e 6 anos-, se muden a Trabada e ocupen o inmoble de forma totalmente gratuita, sempre que matriculen aos seus pequenos no colexio da localidade.
O Concello de Trabada ofertou a familias con fillos, antes do inicio do presente curso escolar, dúas casas rehabilitadas pola administración local, para reunir no municipio o número mínimo de alumnos necesario -seis alumnos- para manter a unidade de infantil no colexio da localidade.
Aínda que dúas familias aceptaron a oferta de vivenda gratuita e matricular ao seu fillos no colexio, co que se chegou ao número mínimo esixido pola Consellería de Educación a inicios de curso, pouco despois una delas tomou a decisión de abandonar o municipio mariñano, co que o número de pícaros escolarizados en infantil quedouse por baixo da ratio establecida pola Xunta de Galicia.
Pouco despois, a principios de outubro, ao haber só catro alumnos en infantil no CEIP Celso Currás, a Consellería de Educación tomou a decisión de suprimir a unidade de Infantil.
PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA
A alcaldesa asegura que o Concello “segue buscando” unha familia para ocupar gratuitamente a casa que quedou baleira e recuperar, coa matriculación doutros dous alumnos, a aula de Infantil. Afirma que a súa única intención é evitar que un municipio rural como Trabada “perda servizos“.
Opina que o próximo curso, o colexio volverá ter unha unidade de Infantil, un obxectivo ao que tamén contribuirá a próxima apertura en Trabada dun Punto de Atención á Infancia (PAI).