Un ancián de 83 anos, residente en Salamanca, faleceu este xoves na praia de Covas, no municipio de Viveiro.
O home, que se bañaba preto da zona do areal coñecida como Os Castelos -onde están as rochas e o monumento adicado á fragata Santa María Magdalena-, atopouse mal mentres saía do mar e foi auxiliado polas persoas que había na auga. O 112 recibiu aviso ás 13.30 horas do suceso e mobilizou ao 061, a Protección Civil de Viveiro, á Policía Local e á Policía Nacional.
Os servizos de emerxencias tentaron en van reanimar ao home, que supostamente faleceu por un infarto.