O Concello de Cervo manterá a prohibición da acampada na trixésimo terceira edición da Maruxaina, que se celebrará o sábado 11 de agosto. Tamén se restrinxirá o tráfico nas rúas do centro de San Cibrao, epicentro da festa.
O goberno local tomou o ano pasado a decisión de prohibir a acampada -centos de tendas xuntábanse na zona da Atalaia-, por motivos de seguridade, para previr masificacións, e para preservar a esencia da festividade.
PROGRAMA
As actividades comezarán o venres, na véspera da festa. A partir das 19.00 horas, na Praza dos Campos, haberá degustación de empanadas e bolos preñados. Sobre as 21.00 horas, a Asociación Amigos da Maruxaina nomeará ao Maruxaino e Maruxaina de Honra 2018.
os sancibrenses traerán a ninfa dos farallóns e xulgarana de novo na noite do 11 de agosto
Xa o sábado, un taller de cestería animará a mañá, a partir das 11.00 horas. Ás 12.00 haberá xuntanza na Plazoleta para percorrer o pobo ao son do corno de dos grupos de gaitas. Desde as 12.30 actuará na Praza dos Campos La Musicleta, que continuará polas rúas de San Cibrao. A continuación serán os habituais xantares na praia do Torno, que servirán para repoñer forzas de cara aos xogos populares, ás 19.00 horas no areal.
O desembarco da Maruxaina para ser xulgada está previsto para as 23.00 horas. Os asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio. A ninfa someterase ao veredicto popular desde as 00.00 horas, e despois haberá degustación de queimada. Montreal e Banda Norte animarán a verbena.
CORTES DE TRÁFICO
O Concello anunciou que realizará modificacións no tráfico rodado desde ás 15.00 horas do venres 10 ata as 15.00 horas do domingo 12.
En concreto, estará cortado o tráfico a vehículos na Avenida da Mariña, Rúas Aduana, Campos, Torno, Beiramar, Caosa, Hospital, Miramar, Anxuela, Coto e Penamea; Prazas do Lugar e Penal; e zona do Porto de Arriba. Estes cortes terán a excepción dos vehículos con pase (residentes), de emerxencias, reparto e servizos municipais.
Tamén se prohibirá o estacionamento, desde o xoves 9 de agosto ás 23.30 horas, na Avenida da Mariña, nas rúas do Torno e Beiramar e no aparcadoiro fronte á casa do mar.
o prazo para solicitar permisos de circulación no centro comeza este luns
PASES
As persoas residentes e aquelas que acrediten ter praza de garaxe nestas zonas poden solicitar o seu pase na casa da cultura desde o vindeiro luns ata o martes 7 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas.