A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asegurou o pasado venres, na inauguración das XXIV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, que se están a celebrar en Celeiro, que o ente dependente da Consellería do Mar “iniciará o próximo ano” a dragaxe do porto celeirense “e a redacción dos proxectos para a construción do pantalán de embarcacións menores e a ampliación do espigón do peirao comercial“.
O sector demanda unha ampliación do calado que permita mellorar a operatividade no peirao e a capacidade de manobra das embarcacións desde alomenos 2007.
Lenguas destacou a importancia do porto celeirense como o terceiro de Galicia en actividade pesqueira froito da descarga anual de arredor de 14.000 toneladas de produtos do mar e unha facturación próxima aos 50 millóns de euros. “Por iso, é ineludible que facilitemos o labor diario nos nosos portos a todos aqueles que por un ou outro motivo dedican a súa vida ao mar”, subliñou a presidenta do ente público, que agradeceu á Organización de Produtores Pesqueiros local (OPP-77) e o Grupo Puerto de Celeiro as 24 edicións celebradas das xornadas, nas que A Mariña se converte “na capital da pesca”.
ANISAKIS OU “FICHAR”, TEMAS ABORDADOS
Un recoñecemento ao armador de Burela José Valle, propostas para combater o anisakis ou aumentar o consumo de peixe, así como para axeitar ao sector pesqueiro a obriga de ‘fichar’ no traballo foron algúns dos temas tratados.