PSdeG-PSOE e BNG non chegaron este mércores a un acordo para gobernar en coalición en Burela, a uns días antes da data fixada para o pleno de investidura -o vindeiro sábado, ás 12.00 horas- polo alcalde en funcións, o socialista Alfredo Llano.
As dúas formacións, que o pasado luns avanzaron cara un pacto de goberno que contaría coa maioría absoluta no municipio –as pasadas eleccións municipais, que deberon repetirse o 17 de novembro na mesa 1.5.U do Perdouro, deixaron seis concelleiros para os socialistas, catro para o Partido Popular e tres para o BNG-, remataron a reunión celebrada este mércores sen pechar un acordo por desavinzas no tocante ao peso das formacións no futuro goberno.
Socialistas e nacionalistas falaron do reparto de áreas e tamén das dedicacións do futuro goberno, ademais da conformación da xunta de goberno local, pero o BNG móstrase insatisfeito co proposto polo PSdeG-PSOE, insistindo en que a formación frontista obtivo un edil máis mentres que o partido socialista perdeu a maioría absoluta. Pola contra, esta última forza política reivindica ser a máis votada e representada.
PILLADO: “NON SE ESTÁN A INTERPRETAR OS RESULTADOS ELECTORAIS”
“Cremos que non se trata de acumular polas dúas partes cotas de poder senón avanzar na formación dun goberno conxunto”, sinala o voceiro e candidato do BNG, Mario Pillado, que asegura que nas negociacións “non se está a interpretar como cremos que se debe a realidade dos resultados das eleccións locais, que son o mandato do pobo de Burela; iso tense que reflectir en todos os puntos do acordo”, asevera.
O candidato nacionalista sinala que “os programas non son o problema” e, preguntado pola posibilidade de favorecer a investidura de Llano, non se pronuncia para mostrarse “a prol de que haxa un acordo nos tres días que faltan ata a investidura”.
Nas vindeiras horas o Bloque reunirase coa militancia para tomar unha decisión. Por agora non hai data para unha nova xuntanza antes do sábado, de xeito que a investidura está no aire, malia que nos días anteriores o voceiro do BNG afirmou que o acordo “sempre se pode negociar a posteriori” e descartou con rotundidade a posibilidade de “gobernar co PP”.
LLANO: O BLOQUE FIXO “PETICIÓNS NON PREVISTAS”
Llano asegura que “o BNG presentou unha serie de peticións non previstas“, aínda que non concreta cales, e sinala que “o acordo nas áreas está feito en principio; outra cousa é cuestións como a representación nos órganos colexiados e nas dedicacións. Teremos que valoralo”, indica o rexedor en funcións.
No tocante ás dedicacións do futuro goberno, Llano móstrase partidario de que “se poñan en función dos obxectivos das áreas. Temos por definir esta cuestión”, admite.
Os socialistas confían en obter o apoio dos nacionalistas para a investidura de Llano e negociar a posteriori un goberno de coalición para Burela. “Reunirémonos para a semana que vén, porque estas cuestións hai que miralas polo miúdo para avanzar conxuntamente e chegar a un acordo para o pleno de organización”, indica o rexedor, que cre que a investidura “está garantida“.
O PP PRESIONA AO BNG
O PP de Burela tentou presionar ao Bloque de cara ao sábado a través dun comunicado de prensa, no que asegurou que “o apoio de Pillado á investidura dun candidato socialista á alcaldía é unha emenda á totalidade do que o propio BNG mantivo durante estes catro anos”.
Así, o candidato dos populares, Manuel Rouco, afirmou que “Pillado debe aclarar antes do sábado como se posicionará con respecto ao pavillón ou á adxudicación da recollida de lixo“, destaca, aspectos no que o BNG se mostrou crítico coa xestión do goberno socialista na lexislatura que está a piques de rematar.