InicioEconomíaObreiros de Muebles Hermida: "algúns estamos coa auga ao pescozo"

Obreiros de Muebles Hermida: “algúns estamos coa auga ao pescozo”

Tres traballadores expoñen a "situación límite" que afrontan ao non cobrar desde hai catro meses da empresa, que solicitou o concurso de acredores

Publicada o

- Advertisement -

Malia que a dirección da empresa, os sindicatos e as tres forzas políticas da corporación de Lourenzá acordaron por unanimidade transmitir unha mensaxe de esperanza sobre o futuro de Muebles Hermida, que solicitou o concurso de acredores voluntario, os traballadores ven con incerteza o presente –a firma adebédalles tres meses, que serán catro o 15 de novembro– e tamén o futuro dunha fábrica chave para o tecido socioeconómico do interior da Mariña Lucense. Co Nadal á volta da esquina, advirten de que a situación “é límite” e de que “algúns estamos coa auga ao pescozo“.

Prefiren non dar o seu nome dada a situación da empresa, na que o Xulgado do Mercantil de Lugo vén de designar administrador concursal, pero tres empregados de Muebles Hermida contan a súa situación persoal a piques de cumprir catro meses sen cobrar. Son tres historias que poderían representar as que viven os seus 92 compañeiros. Un cadro de persoal que non sabe “que vai pasar con Hermida”, o nome familiar co que se refiren á firma na que levan décadas traballando.

DIFÍCIL RECOLOCACIÓN

“A incerteza é o máis estresante. Non sabemos se vai pechar, se é así cando vai ser, e se imos cobrar o que se nos adebeda”, explica un dos operarios, que aos seus 46 anos non quere pensar nunha posible liquidación. “É difícil recolocarse; con 30 anos tes moita vida por diante, pero á miña altura é difícil”, lamenta, para agregar que “estou seguro de que a media de idade está por riba da miña, sobre os 50; somos un cadro de persoal veterano”.

Se a idade non axuda á reinserción, a contorna tampouco. Dous dos traballadores consultados son residentes en Mondoñedo, e un deles en Lourenzá. Exemplifican o impacto que podería ter un posible peche dunha empresa que é a principal alternativa laboral da zona. “(A madereira mindoniense) Ecar pechou no 2012, e non pode vivir todo o mundo da faba; isto queda morto de todo”, sinala un dos operarios. “Se pecha Hermida, teremos que buscarnos a vida fóra de aquí“, zanxa outro, con 56 anos e 33 de experiencia na madereira, que resume o que semella unha época sombría para A Mariña Lucense: “se tamén se marcha Alcoa, menudo futuro nos espera. Haberá que ir para Lugo“, conclúe.

HIPOTECAS, PRÉSTAMOS E FAMILIAS CON ATA CINCO FILLOS

Un traballador resalta que a falta de ingresos fai acumularse os problemas: “teño unha hipoteca, pois merquei unha casa; en xaneiro pasarán os recibos dos seguros… É complicado”, resume. Un dos seus compañeiros precisa que “hai xente que está falar constantemente coa dirección porque está desesperada, compañeiros con cinco fillos“.

Outro dos empregados, pai de familia numerosa e con 17 anos na madereira laurentina, remarca que “o terceiro mes sen cobrar fíxome moito dano, porque teño un préstamo de banco e agora mesmo estou atado. Vivo ao día e tampouco teño apoio familiar; estou coa auga ao pescozo”, explica. Prognostica un Nadal “con Reis pobres, sen ceas cos amigos e pechados na casa”. “Para quen ten pícaros pequenos estas datas son difíciles; os grandes poden entendelo, pero os nenos non”, agrega un dos traballadores.

CÚMPRENSE OITO ANOS DO ERE

Durante as festas cumprirase unha efeméride que trae malos recordos, o oitavo aniversario dun Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) de extinción que supuxo o despedimento de 75 traballadores, dos case 200 que tiña Muebles Hermida naquel momento. Aquel foi o punto de inflexión, segundo un dos empregados, que desembocou na situación actual: “desde entón non remontamos”, asegura un dos traballadores. “Levamos oito anos interminables“, confirma outro empregado, “con atrasos nos pagos dun mes ou dous ou cobrando medios meses”.

“TRABALLAR NESTA EMPRESA ERA UN LUXO”

Os tres viviron épocas mellores, momentos nos que a firma contaba con 225 empregados, quitaba 24 millóns de facturación e organizaba quendas de noite para atender todo o volume de pedidos.

“Aquilo era unha marabilla, o fundador fixo unha señora empresa e estar aí era un luxo”, indica un dos consultados. “Cando merquei a casa, fun ao banco e nada máis dicir que traballaba en Muebles Hermida foi todo costa abaixo, achegar os meus datos, unha nómina e foi todo case case de palabra”, relata outro dos operarios.

Co paso do tempo, móstrase máis desencantado: “preferiría que os meus fillos atoparan algo mellor”. Un dos empregados relata que o seu fillo maior preferiu non postularse para traballar na empresa: “vía a seu pai que tiña problemas de impagos e non quixo”. Deste xeito, ábrese unha fenda social e territorial; as novas xeracións non teñen interese nas empresas que ofreceron promesas de emprego estable e de calidade aos seus antecesores.

A empresa ofreceu de feito emprego estable e de calidade durante décadas, pero os traballadores tamén reivindican os sacrificios asumidos para que a firma saíse adiante: os tres resaltan que na anterior época de crise, que desembocou no ERE de extinción, o persoal perdoou catro pagas extraordinarias -uns 6.000 euros- para facilitar a viabilidade de Muebles Hermida. “Para un traballador é un esforzo moi grande. Agora estamos peor e non cambiou nada”, indica un dos empregados.

CRÍTICAS Á XESTIÓN

Os traballadores móstranse críticos coa dirección da empresa, a quen os sindicatos atribuíron súa insolvencia actual. “A xestión é mala“, lamenta un dos empregados. Outro alude á falta de mantemento e de investimento: “requírese un gasto grande”. Os tres falan de eivas “de seguridade. Hai máquinas que deberan ser arranxadas ou cambiadas, estamos a traballar en condicións de precariedade, que se mesturan con presión de montaxe”, expoñen.

REIVINDICAN QUE “HAI TRABALLO”

Os obreiros sosteñen que, por pedidos, a empresa é viable. “Á volta das vacacións do verán houbo moitísimo traballo, só se parou un par de semanas antes de que pasase todo isto”, remarca un dos traballadores consultados. “Nos últimos meses contrataron xente de ETTs para sacar adiante cousas”, lembra outro.

EXPECTACIÓN ANTE O CONCURSO

Por ese volume de traballo teñen expectación por ver que ocorrerá nesta nova etapa, porque malia que a inmensa maioría dos concursos de acredores rematan co peche, consideran que é “a única vía para reflotar a empresa“. Polo de agora, segundo precisan, o administrador concursal negocia para que se lles poda aboar medio mes de agosto e o luns presentaranse as solicitudes para pedir ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) que adiante os salarios de setembro, outubro e novembro. Pero agardan ver axiña os froitos porque “en vacacións non haberá traballo e como mínimo en xaneiro ou febreiro estaremos outra vez igual”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...