Iniciosociedade"Educamos como nos educaron. A sexoloxía tenta romper ese círculo que non...

“Educamos como nos educaron. A sexoloxía tenta romper ese círculo que non nos fai ben”

A prestixiosa psicóloga e sexóloga Martina González Veiga ofrecerá o martes en Xove unha charla dirixida ás familias sobre como falar de sexo coas crianzas

Publicada o

- Advertisement -

Martina González Veiga, psicóloga sanitaria e especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parella, ofrecerá o vindeiro martes en Xove (consistorio, das 18.30 ás 20.30 horas) unha charla sobre como afrontar a educación sexual das crianzas.

Divulgadora científica, é fundadora do Centro de Sexoloxía Con Mucho Gusto e desde o 2015 conta coa sección semanal Consellos con Sexo no programa Galicia por Diante da Radio Galega.

Aínda quedan prazas para o encontro coa especialista, organizado polo Concello de Xove. O goberno local ofrece un servizo de conciliación -tamén con límite de reservas- a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) que atenderá as crianzas daquelas persoas que queiran asistir ao relatorio. Informan no 982.571.816.

EDUCACIÓN CONSCIENTE

Que vai abordar na charla de Xove?

Como educar as crianzas en sexualidade dunha maneira consciente, xa que co silencio estamos educando, dunha maneira inconsciente que por desgraza non está ben. Non é algo do que nos teñamos que sentir culpables, é un ciclo que se repite xeración tras xeración, educamos como nos educaron, parte do traballo dende a ciencia sexolóxica e romper ese círculo que non nos fai ben. Imos abrir a canle de comunicación para que as persoas adultas falen de sexualidade coas crianzas e se convertan no seu referente á hora de resolver dúbidas en lugar de usar Google ou preguntarlle a outras crianzas que tampouco saben.

“o obxectivo dunha boa educación sexual é coñecerse, aceptarse e poñer en valor as diferenzas e a expresión libre e asertiva”

“SOMOS SEXO”

Que é o sexo e cal sería o obxectivo dunha boa educación sexual?

Pese ao que se nos ven á cabeza cando escoitamos a palabra sexo, que normalmente son prácticas sexuais e ademais moi concretas (coito heterosexual) o sexo non é só prácticas eróticas, tamén ten que ver con quen somos, co noso corpo sexuado e coa nosa identidade sexual, coa nosa orientación sexoafectiva, e con emocións tan complexas como o desexo. Somos sexo.

Os obxectivos principais da educación sexual son coñecerse, aceptarse, a posta en valor das diferenzas e a expresión libre, positiva e asertiva.

Por que é importante falar coas crianzas de sexo?

Polo mesmo motivo que o é falar do planeta habitan, van habitar un corpo sexuado toda a vida. Se non educamos nós, xa se encargarán os debuxos, as series de televisión, as amizades, Google e por último o porno.

“se non educamos nós ás crianzas, vanse encargar os debuxos, as amizades, google ou o porno. sen acompañamento”

Xa vai sendo hora de educar sen estereotipos de xénero, no amor ao propio corpo, no botrato e no respecto as persoas. Vai sendo hora de poñer os coidados no centro, de aprender a xestionar as emocións, os afectos e as relacións.

A SEXUALIDADE, TABÚ

Falar de sexo cos fillos segue a ser tabú?

Cremos que cambiamos moito en relación a outras xeracións pero coa sexualidade seguimos nunha espiral de silencio, vergoña, culpa e medo. Non hai cambios educativos neste senso nas escolas, nin nas universidades. Non se dota as persoas profesionais de recursos educativos, nin se educa as crianzas no colexio para que se vivan felices.

“cremos que cambiamos moito en relación a outras xeracións pero co sexo seguimos nunha espiral de silencio, vergoña e medo”

Cales son os erros máis habituais das familias á hora de afrontar esta cuestión?

A maior dificultade coa que se soen atopar as familias son as súas propias mochilas sexuais. A herdanza dunha educación sexual maltratante, disociada das emocións, machista, diversofóbica, centrada nos xenitais, na reprodución e no rendemento. Nun marco de culpas, medos e silencios. As familias non teñen a culpa disto, non eliximos o contexto no que nacemos e medramos. Pero una vez que nos facemos conscientes disto, temos a responsabilidade de facer algo coas nosas mochilas para que ás seguintes xeracións non lles sigan pesando e poidan vivirse mellor. O maior erro sería non tentalo.

INFANCIA

Cando debe comezar a falarse de sexo e quen debe marcar o ritmo? As crianzas coa súa propia curiosidade ou as familias?

Non podemos esperar a que nos falen porque pode que non o fagan nunca, como persoas adultas temos a responsabilidade de abrir a canle de comunicación, e hai contos e materiais adaptados a todas as idades, algo que non podemos dicir dun noticiario, ou de series que están a todas horas fomentando estereotipos sexistas, falando de “pinchitos” e ridiculizando a diversidade.

“facemos educación sexual desde que nacen, sen ser conscientes. cos coidados, cos nosos comportamentos, cos estereotipos”

Quizais a pregunta é: “Dende cando estamos facendo educación sexual coa infancia sen ser conscientes?”. Falamos de sexo coa infancia dende antes de que nazan, cando empezamos a xerar expectativas en función de si pensamos que será un neno ou una nena. Transmitímoslles educación sexual, dende o momento en que lle falamos dun xeito ou doutro se pensamos que son nenos ou nenas, tamén en como lles transmitimos os afectos, nos comentarios que facemos sobre os seus corpos e o trato que lles damos. Facemos educación sexual na casa, segundo o que perciben e ven de como nos tratamos cos demais membros da familia, ou con outras persoas.

“O SILENCIO TAMÉN EDUCA”

Facemos educación sexual cando lles ensinamos que se fai coas emocións, tanto co que lles transmitimos como co que facemos coas nosas. Estamos educando en sexualidade cos coidados que lles transmitimos, co trato que lles damos, co que nos damos. Cos estereotipos que lles transmitimos ou non, etcétera. Temos que ser conscientes que dun xeito ou doutro están recibindo educación sexual dende o nacemento, que non educar é imposible, e que o silencio educa en non falar de sexualidade. Hai que falar con consciencia de sexualidade dende o nacemento, coa linguaxe verbal e a non verbal. A pregunta é: “que educación sexual queremos para a infancia?”.

AS PRIMEIRAS PREGUNTAS

Cando comezan as súas primeiras preguntas sobre este tema? 

As crianzas son curiosas por natureza e van descubrindo o mundo a través dos nosos ollos, somos as súas figuras de apego, debemos reaccionar con calma e naturalidade, se reaccionamos doutra maneira xa lles estamos mandando unha mensaxe clara, este tema fai que as persoas adultas reaccionen diferente a cando lle facemos calquera outra pregunta.

Depende de cada persoa, non todas as persoas pequeniñas son iguais ou se expresan do mesmo xeito, ou teñen a capacidade de falar. Fagan ou non fagan preguntas é fundamental educar en sexualidade como educamos noutros aspectos da vida, porque senón farano sen acompañamento e xa sabemos o resultado diso, pois o que temos as persoas adultas actualmente. As persoas máis pequenas en xeral, soen ter curiosidade polo seu corpo, e cando comezan a percibir as diferencias corporais tamén por saber como son os outros corpos e porque son diferentes. As diferencias xenitais tamén lles chaman a atención dentro desa diversidade corporal.

NATURALIDADE

É importante falar con naturalidade, como falamos doutros temas que lles suscitan curiosidade, con claridade e adaptándonos a súa capacidade de comprensión. Sen mentirlles e transmitíndolles valores positivos. E importante comezar a facer una educación sexual positiva, que teña no centro ou coidados, o bo trato e o respecto. E isto comeza polo amor polo propio corpo e o amor e o bo trato a diversidade de corpos.

En relación as preguntas sobre a reprodución pois o mesmo, valores positivos, se tratamos a reprodución como algo escuro do que non se pode falar nin preguntar, como se fose algo malo, que valores lles estamos transmitindo?

“é importante non mentir. se a reprodución é algo escuro do que non se pode falar, que valores estamos transmitindo?”

A INFANCIA, A BASE

Hai algunha etapa na que medre a súa preocupación por este tema ou que sexa especialmente complexa?

Non debería medrar a preocupación e si a curiosidade, pero é verdade que si a curiosidade non se cubre con información e educación, remata en preocupación. Os cambios xeran inquedanzas, o coñecemento axudaralles a vivilos o mellor posible.

A infancia merece atención e unha boa educación sexual dende o inicio, porque nela se desenvolve o noso cerebro, e sentamos as bases de quen somos e como nos tratamos, xestionamos e coidamos. De que educación sexual lle demos a infancia, dependerá en gran medida a súa felicidade ao longo da súa vida.

“SE A CURIOSIDADE NON SE SATISFACE CON INFORMACIÓN, TÓRNASE EN PREOCUPACIÓN”

A IMPORTANCIA DOS AFECTOS

A educación sexual non está só no que dicimos senón tamén no que facemos. Fala da importancia dos afectos desde o principio, ou dos roles de xénero. Como afectan aos pequenos?

Pois creo que a mostra está nas persoas adultas actuais. Desigualdade entre homes e mulleres, maltrato, discriminación as persoas diferentes xa sexa polo seu aspecto físico, a súa orientación sexual, o seu xeito de expresarse ou virse, etcétera. Agresións sexuais e violencias de todo tipo a hora de relacionarnos. A educación sexual de calidade tería como resultado persoas máis felices que se coidan e se tratan ben, con respecto e amor. Por desgraza estamos aínda moi lonxe diso.

“na pubertade hai que ofrecerlles COÑECEMENTO sobre os cambios corporais que se poden producir”

A PUBERTADE

Coa pubertade aparecen cambios e ás veces é difícil a aceptación do propio corpo. Que se lles debe transmitir?

O importante e transmitirlles que as queremos e as aceptamos como son. É importante que aprendan a quererse ben, para que así poidan querer ben a outras persoas, quererse ben é a autentica revolución nestes tempos que corren. Tamén proporcionarlles información sobre os cambios que se poden producir, sobre como funciona o seu corpo. Entendernos axúdanos a vivirnos mellor.

Outro aspecto tremendamente importante é empatizar coas persoas adolescentes, entendendo que a todas as persoas nos leva un tempo adaptarnos aos cambios, e que a adolescencia non é unha enfermidade, así que é importante validar as súas emocións, sensacións e inquedanzas, e xamais dicirlles “xa se che pasará, estás na idade do pavo”, porque isto é adultismo, e significa invalidar as persoas adolescentes polo mero feito de selo.

“a adolescencia non é unha enfermidade. Falarlles da ‘idade do pavo’ é adultismo, invalidalos polo mero feito da súa idade”

O PRACER

Respecto da masturbación, que semella outro tabú, cando comezan as crianzas a darse autopracer e como deben reaccionar as familias?

O pracer forma parte da vida, quizais ten que ver coa mirada adulta e adulterada do pracer. En xeral as crianzas exploran o seu corpo desde bebés chupan as mans os pés. Temos pel e receptores sensoriais por todo o corpo. Os xenitais son unha parte máis do corpo, ademais son moi sensibles, polo que pode resultarlles agradable e pracenteiro tocar esa parte. As familias estaría ben que actuasen con naturalidade entendendo isto, e ensinándolles o que é a intimidade, o que se fai no espazo público e privado segundo as nosas normas sociais.

Que se acarician os xenitais o fagan na súa habitación a soas ou no baño, e axudarlles a diferenciar os xeitos de contacto, para evitar contactos indesexados e abusos. E favorecer a canle de comunicación para falar do corpo e do contacto. Sabemos que a vergonza e o medo dificultan que as crianzas pidan axuda. É importante falar do contacto de xeito positivo e respectuoso, para que se podan vivir ben.

A PORNOGRAFÍA

Cando comezan a ter acceso os pequenos á pornografía?

En canto teñen acceso a un teléfono ou outro dispositivo con conexión a internet sen control (e as veces con control por accidente). E quen di acceso non di que o teña a nosa crianza senón que o teña calquera persoa no seu redor, amizades, crianzas máis maiores no seu colexio…

Dise que para moitas crianzas é a “a primeira escola” do sexo, é así? 

É unha afirmación reduccionista e irreal. É pensar que o resto do tempo non se lles está educando sexualmente. A primeira escola do sexo é a túa familia de referencia, como se relacionan, como se coidan e como te coidan e che transmiten os afectos. A escola, os medios de comunicación ou os contos tamén educan. O porno mainstream non é máis que a versión adulta explícita dos estereotipos machistas que se transmiten en moitos debuxos e series de televisión. As crianzas non poden procesar e entender as imaxes pornográficas como as persoas adultas e poden ser emocionalmente impactantes. Ás crianzas educadas no botrato probablemente as percibirán como violentas.

“as crianzas non sempre poden procesar o porno, que erotiza o maltrato. hai que aprender a erotizar o bo trato”

Como ben di a sexóloga Fina Sanz vivimos nunha sociedade que erotiza as relacións de maltrato, e hai que aprender a erotizar o botrato.

RELACIÓNS TÓXICAS

Fala de que a través da educación sexual non só se poden previr enfermidades e embarazos, senón tamén abusos ou relacións tóxicas. Como facelo?

Entendendo que a educación ten que ver con como nos tratamos e con como tratamos as persoas coas que nos relacionamos. A educación sexual ensínanos a coñecer os nosos corpos a entender que a humanidade é diversa e que todos os corpos son dignos de amor. Ensínanos que hai moitos xeitos de ser, de expresarse e de vivirse. Que para querer e tratar ben as persoas coas que nos relacionamos é básico querernos como somos e tratarnos ben. A base da educación sexual é aprender a quererse ben, a mirarse con amor, a coidarse para facelo tamén coas persoas coas que establecemos relacións, sexan do tipo que sexa.

Educar no botrato é o mellor xeito de previr o maltrato. E actualmente recibimos unha educación sexual tremendamente maltratante, e por iso seguimos nas mesmas. É hora de educar no botrato.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...