O Pescados Rubén Burela FSF derrotou ao UCAM Murcia (6-4) e segue a estela do líder, o Atlético Futsi Navalcarnero, na Primeira División. O partido supuxo a volta ás pistas da pivote Cris, que reapareceu contra o equipo da súa comunidade natal tras recuperarse dunha rotura do ligamento cruzado anterior.
A propia xogadora murciana foi protagonista dun encontro sen control na primeira metade, con seis goles nos oito primeiros minutos. Antes de cumprirse o primeiro cuarto do partido, o Burela FSF gañaba por 4-2 tras remontar dúas desvantaxes (0-1 e 1-2) con tantos de Bea Mateos, Jenny Santos, Cris e Jenny Lores.
Ale de Paz e Jenny Lores topáronse cos paus no treito final da primeira metade, cando o UCAM Murcia apostou polo xogo de cinco e acadou o 4-3 de penalti.
O cadro murciano seguiu a poñer en atrancos no segundo acto ás discípulas de Julio Delgado e máis Lucas, que aumentaron a súa vantaxe no marcador no minuto 28, grazas a Jenny Santos. O tanto da xogadora portuguesa deixou tocado ao UCAM e Ale de Paz marcou o 6-3 segundos despois.
O BILBO, VINDEIRO RIVAL
Nos últimos minutos, o conxunto murciano seguiu insistindo coa porteira-xogadora e reduciu diferenzas a 120 segundos para o final. Non perigou a vitoria do cadro laranxa, que solventou con tres puntos unha tarde complicada en Vista Alegre. Na vindeira xornada, o equipo da Mariña Lucense visitará ao Bilbo.