Compromiso por Galicia (CxG) Burela fixo este luns unha serie de propostas para que o municipio ofreza a súa achega na loita contra o cambio climático, cuestión que se debateu recentemente na Cumbre por el Clima de Madrid, unha cita que a formación cualifica de “fracaso rotundo” que “pon de manifesto a necesidade dunha nova acción política que implemente medidas dende o eido local. En moitos países estas son as verdadeiras puntas de lanza”, indica.
Deste xeito, CxG propón, nun prazo de 24 meses, que o parque móbil do Concello sexa “eléctrico e eficiente”, retirando os vehículos de combustible fósil “agás os que non teñan recambio como o de Bombeiros. É unha medida moi factible, somos un concello de oito quilómetros cadrados, polo que os servizos municipais non demandan tanta autonomía e sería un bo exemplo”, expón a formación.
Outra das propostas é “solicitar ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) as subvencións para adecuar o alumeado público de Burela. O PSdeG-PSOE non foi quen de traer fondos, que son por orde de solicitude, cando por exemplo A Estrada xestiona oito millóns de euros”, remarca CxG, que tamén reclama “a introdución efectiva do contedor marrón para os residuos adiantándonos á obrigatoriedade de 2024″.
Finalmente, Compromiso por Galicia solicita “que as concesionarias de servizos de Burela teñan a obriga de vehículos eléctricos e sostibles, e que dentro da Responsabilidade Social Empresarial consignen fondos a campañas de concienciación en Burela”.
“Un pobo innovador e punteiro como foi sempre Burela pode converterse nun referente de políticas activas no eido do medio ambiente, que vaian máis alo dun concurso para sacar unha fotos dando premios, que é o que lle gusta a (o alcalde, o socialista Alfredo) Llano“.