IniciosociedadeA corporación insta a Augas de Galicia a reconsiderar manter a ponte...

A corporación insta a Augas de Galicia a reconsiderar manter a ponte medieval de Xunqueira

As forzas políticas de Viveiro piden tamén a catalogación do Fontecova, "aos efectos de poder esixir a corta nun espazo de 15 metros"

Publicada o

- Advertisement -

A corporación de Viveiro solicita por unanimidade a Augas de Galicia que “volva analizar tecnicamente a viabilidade de manter a ponte medieval” na solución proposta para evitar risco de inundacións no barrio de Xunqueira, onde en novembro de 2018 o rebordamento do río Fontecova anegou ducias de vivendas e provocou a morte dunha veciña.

Así, as cinco forzas políticas do municipio –PSdeG-PSOE, PP, Por Viveiro, BNG e Son Viveiro– piden que, trala entrega do plan específico de xestión da Área Fluvial con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARSPSI) do Fontecova, o ente hidráulico “elabore, valore e puntúe unha nova alternativa coas actuacións contempladas na opción A, a excepción do mantemento da ponte medieval”.

Esta alternativa foi a máis valorada como resultado dunha análise multicriterio en función dos cinco aspectos considerados (coste beneficio, ambiental, social, nivel de protección e temporal).

Deste xeito, a corporación insta a Augas a reconsiderar o proxecto “aos efectos de poder contar con todos os datos para poder amosar dende o Concello a conformidade a unha ou outra opción“. O goberno local será o encargado de tomar a decisión definitiva sobre a obra a realizar no barrio.

Os cinco partidos reclaman tamén “que se solicite informe previo á Dirección Xeral de Patrimonio sobre a proposta de eliminación da ponte medieval e construción dunha nova pasarela, segundo se plantexa na Alternativa A”; a proposición de Augas é a de elaborar unha nova ponte de cemento, o que atopou o rexeitamento, como lembra o Concello, da asociación veciñal de Xunqueira.

LIMPEZA DO TREITO ALTO

A corporación insta á Xunta de Galicia a que “valore” a catalogación do río Fontecova, aos efectos de poder esixir a corta nunha distancia de 15 metros, tendo en conta o seu caudal, pendente e calado, así como a importante masa arbórea existente na súa colindancia”.

Precisamente, días atrás o BNG pediu que se limpe o treito alto do río. “Tendo en conta que estamos na fase dun anteproxecto, e que a redacción e posterior aprobación se alongará no tempo, urximos a Augas de Galicia a que realice unha limpeza exhaustiva da canle do río na que actualmente hai eucaliptos atravesados que fan de presa natural agravando a situación de darse intensas chuvias”, expuxo a formación nacionalista.

FINANCIAMENTO

Finalmente, reclama que se realice “unha valoración económica da totalidade das actuacións que cómpre executar, aos efectos de elaborar un proxecto completo de todas as obras incluíndo o custe íntegro no presuposto base de licitación, para poder establecer o financiamento a asumir por cada unha das administracións”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...