O voceiro de En Marea, Luís Villares, reclamou á Xunta que “se implique” no conflito laboral da empresa Muebles Hermida, que solicitou este mes a súa entrada en concurso de acredores, e suxeriu que a Administración “adiante” o diñeiro de continuar os impagos aos traballadores.
Tras manter unha reunión co comité de empresa en Lourenzá, o tamén portavoz do Grupo Mixto no Parlamento galego mostroulles o seu “apoio” nas súas reivindicacións “para cobrar os salarios –a empresa débelles catro nóminas– e manter os postos de traballo”.
Deste xeito, Villares insistiu en que a Xunta “se implique para a solución do conflito”, dado que o Goberno autonómico “puxo varios millóns de euros” de subvencións a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Neste contexto, o líder de En Marea insistiu no proposto días atrás, que o propio Igape “cre un fondo de continxencia para que, nos casos nos que haxa empresas como esta que non paga aos traballadores durante varios meses, poida adiantar o diñeiro dos salarios que non foron percibidos. Queremos que a Xunta adiante ese diñeiro que despois recuperaría a través dun proceso concursal“, engadiu.
EMPRESA “CON FUTURO”
“Muebles Hermida é unha empresa que pode ter moito futuro, que ten carteira de clientes e que produce un bo produto. Só fai falta reorganizar a produción”, sentenciou.
Neste sentido, Villares chama ao Igape “a promover un cambio na dirección da empresa, toda vez que está comprobado que o problema de Muebles Hermida é de xestión e non de produción, nin de ventas”. O voceiro de En Marea apuntou que o Igape “pode propiciar que a empresa cambie os métodos de xestión e deste xeito recuperar unha empresa tan importante”.
Segundo confirmaron os traballadores, que o pasado xoves reuníronse con representantes do BNG e o mércores cunha delegación do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, a Xunta rexeita polo momento mediar para un plan de viabilidade en Muebles Hermida.