O Concello de Ribadeo organizará durante o mes de agosto cinco roteiros guiados para promocionar o patrimonio natural e cultural do municipio.
OS PREGUES
Un dos traxectos que programará a concellería de turismo será a Ruta dos Pregues, que sairá da área recreativa de Areosa, en Piñeira, cada luns -6, 13, 20 e 27 de agosto–. O roteiro convidará a desfrutar dunha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, que se estende dende a ría de Foz ata a ría de Ribadeo.
RINLO E O SEU PERCEBE
O goberno local ofertará outra xeoruta, a dos Ollos e do Percebe. Este roteiro, que partirá da praza de Santa Catalina de Rinlo, conxugará a explicación xeolóxica co testemuño dunha percebeira, que explicará as súas vivencias e o risco que corren os profesionais para recoller o crustáceo. Será os venres 3, 10, 17, 24 e 31.
unha percebeira ofrecerá unha explicación sobre o seu oficio
AS PINTURAS MURAIS DE ARANTE
No tocante á promoción do patrimonio cultural e etnográfico, unha das rutas -que mostrará a beleza do interior do municipio- incluirá unha visita ao santuario da Nosa Señora das Virtudes para contemplar o conxunto de pinturas murais da época tardomedieval, único en Galicia. Este intinerario percorrerase os martes (7, 14, 21 e 28) desde a Ponte de Arante.
O LEGADO INDIANO
Outro roteiro, con saída na oficina de turismo, exhibirá a pegada indiana en Ribadeo. Os visitantes poderán pasear polas evidencias do auxe económico, social e urbanístico da vila nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX, a raíz do retorno dos emigrantes a América. O programa comeza este mércores, e seguirá os días 8, 15, 22 e 29.
as casas de fidalgos e empresarios serán o atractivo dun dos itinerarios
A VILA DOS COMERCIANTES
Finalmente, os xoves (2, 9, 16, 23 e 30) serán para a Ruta dos Comerciantes. O roteiro percorrerá as casas de fidalgos e empresarios no casco histórico de Ribadeo, declarado Ben de Interese Cultural. Tamén se visitarán construcións máis humildades, nas que vivían mariñeiros ou artesáns, ou a capela da Atalaia, do século XII e que ofrece unhas fermosas vistas. O punto de encontro será na oficina de turismo.
A concelleira de turismo, Ana Martínez, sinala que “presentamos unha serie de rutas para todos os públicos” que permitirán “descubrir o noso patrimonio e os recunchos de Ribadeo máis significativos, que en ocasións poidan pasar en certa medida desapercibidos”.
INSCRICIÓNS
As persoas interesadas en participar en calquera destas cinco rutas, todas de balde, poden inscribirse xa na oficina de turismo de Ribadeo, no e-mail turismo@ribadeo.org ou cunha chamada ao número de teléfono 982.128.689”.