A Asociación de Magos da Mariña (AMAM) levou a maxia un ano máis ao Hospital da Costa. Tres dos ilusionistas da agrupación (Pi, Kiko e Jorge) pasaron a tarde do pasado venres, 27 de decembro, no centro hospitalario mariñao, onde entretiveron a pequenos e grandes que están en proceso de superar lesións ou enfermidades durante as festas do Nadal.
LEVAR A “ILUSIÓN” A QUEN A PRECISA
“En AMAM sabemos un pouco como funciona iso da ilusión e coma todos os anos temos a necesidade e a obriga de levar esta maxia ata os corazóns aos que polas vías comúns non pode chegar, sabendo dun preciso lugar onde ten máis dificultade para entrar”, resumiu o colectivo nun comunicado de prensa.
CONVALECENTES E FAMILIARES, ENTRETIDOS
Os pacientes do Hospital da Mariña desfrutaron do humor e dos trucos dos tres magos mariñaos nun rato que seguramente lles fixo máis levadeiro o seu período de convalecencia no centro hospitalario. Tamén os familiares e acompañantes e mesmo os traballadores desfrutaron dun pequeno respiro na xornada.