A corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno ordinario celebrado este martes reclamar medidas á Xunta de Galicia que garantan o futuro de Muebles Hermida e o mantemento dos seus preto de cen postos de traballo, así como o deseño dunha política de incentivos que contribúa a manter as empresas lucenses e a captar novas industrias e instar ao Fondo de Garantía Social (Fogasa), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Traballo, a que axilice o antes posible o pago dos salarios que a firma debe ao persoal.
A proposta en apoio da empresa que xa tiña rexistrada dende o 26 de decembro o goberno provincial e que figuraba na orde do día para o seu debate no Pleno de hoxe foi transformada nunha declaración institucional que contou coa unanimidade da Corporación despois de que o PP se sumase a última hora á iniciativa do Executivo do PSOE e BNG, solicitando esta mesma mañá unha xunta de voceiros para plantexar a adhesión á proposta do executivo, algo que este aceptou.
Os grupos provinciais amosan na declaración institucional o seu “apoio, solidariedade e compromiso cos traballadores e traballadoras de Muebles Hermida e as súas familias”, ao tempo que esperan que “o administrador concursal habilite canto antes a posibilidade de que os empregados perciban os salarios canto antes”.
Muebles Hermida, que dá traballo a preto de 100 empregados en Lourenzá e que é a principal empresa da localidade, está atravesando unha complexa situación económica que fixo que os traballadores deixasen de percibir os seus salarios despois do verán e que se saldou coa solicitude do concurso de acredores a comezos de decembro.