InicioEconomíaSegue a travesía de Muebles Hermida: 93 traballadores decidirán o martes sobre...

Segue a travesía de Muebles Hermida: 93 traballadores decidirán o martes sobre o Erte

Un persoal veterano e de difícil recolocación, con catro meses por cobrar, votará sobre a proposta de supresión dos contratos durante ata nove meses, "única" opción á liquidación

Publicada o

- Advertisement -

Os traballadores de Muebles Hermida votarán nunha asemblea o vindeiro martes (11.00 horas, consistorio de Lourenzá) se aceptan o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) proposto polo administrador concursal, Javier Reigosa, responsable da firma despois de que esta solicitase o concurso voluntario de acredores.

Os 93 empregados con dereito a voto deberán decidir se aceptan a supresión dos seus empregos durante un máximo de nove meses, período no que se buscará un comprador ou unha inxección de capital, sen que haxa garantías de que a moblería de Lourenzá non se vexa abocada á liquidación de non prosperar algunha destas opcións, que se ven como “as únicas alternativas” a un peche.

O presidente do comité de empresa, Manolo Franco (CIG), asegura non saber “como os traballadores van respirar”. Os operarios levan catro meses sen cobrar, despois de que Muebles Hermida aboase medio mes de agosto e se tramitase a solicitude ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) para cobrar as mensualidades de setembro, outubro e novembro; o vindeiro martes, segundo precisa o sindicalista, pedirase tamén a Fogasa que asuma decembro. De non aceptar o Erte, sinala, “non temos ningunha garantía de cobrar xaneiro“.

Segundo expón Franco, a situación “non descolocou” ao persoal, dada a escaseza de materia prima que notaban a diario antes de irse de vacacións, o pasado día 23 de decembro. “Non había taboleiros e iso víamolo, pedidos hai poucos”, resume. “A única opción é que compre Muebles Hermida alguén que sexa serio, que teña solvencia e aposte por nós”, indica.

A VETERANÍA, DIFICULTADE PARA A REINSERCIÓN LABORAL

Sobre o Erte, o sindicalista expón que “hai opinións diversas”. A veteranía da maioría dos traballadores é unha dificultade importante para acadar a reinserción laboral. “Haberá que buscarse a vida, porque nove meses pode ser moito tempo e non se pode estar pendente de se se seguirá ou non. Ter uns poucos anos máis ou menos pode influír moito”, lamenta. Algúns operarios, dada a falta de ingresos nos últimos meses e as súas obrigas familiares, mesmo pediran á empresa o despedimento para poder alomenos cobrar o paro. Agora, de aceptar o proposto, terán que gastar a prestación.

A incerteza sobre o futuro da fábrica continuará como mínimo durante uns meses en Muebles Hermida, pero os empregados están chamados a decidir axiña. “Canto máis tarde respondamos, máis posibilidades hai de que xaneiro e febreiro vaian contra a masa“, lamenta Franco.

LEMBRANZAS DO ANTERIOR ERE

Para os traballadores, a experiencia de padecer un Erte non é nova, aínda que o aceptado no 2012, cando 75 compañeiros foron despedidos por mor dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción, foi de moitas menores consecuencias, pois apenas estiveron uns días afastados dos seus postos de traballo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...