IniciosociedadeLara Méndez pregoará a 17 edición da Festa do Chícaro, dedicada á...

Lara Méndez pregoará a 17 edición da Festa do Chícaro, dedicada á cidade de Lugo

A exaltación do berberecho, os días 18 e 19 de xaneiro, quere "abrirse" ao interior da provincia para consolidarse como unha cita de referencia na tempada invernal

Publicada o

- Advertisement -

A Festa do Chícaro de Foz, que se celebrará os días 18 e 19 de xaneiro, buscará consolidarse como unha cita de referencia dentro do calendario invernal da provincia e de Asturias coa dedicatoria desta edición, a décimo sétima, á cidade de Lugo, e o pregón da alcaldesa da capital lucense, a sancibrense Lara Méndez.

Este evento gastronómico foi presentado hoxe, xoves, polo alcalde focego, Fran Cajoto; o concelleiro de Cultura, Héctor Moris; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) de Foz, José Carlos Paleo.

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, asegurou que a exaltación do berberecho, “a primeira festa do ano”, converteuse “na nosa celebración gastronómica por excelencia”. Deste xeito, o rexedor argumenta que o evento quere coa dedicatoria a Lugo e co pregón “dunha persoa que é mariñá, abrirse ao interior da provincia” e tamén a Asturias ou León, “para que a maior cantidade de persoas posible poida achegarse a degustar este produto e animar unhas datas que son máis baixas en afluencia de xente”.

CATRO ESPECIALIDADES

Cajoto admite que o berberecho “tristemente xa non se atopa na nosa ría e haberá que traelo de fóra”, pero remarca que se trata dun produto “que os focegos sempre temos na nosa mente”. Deste xeito, subliña que dúas das preparacións do bivalvo -á provenzal e á mariñeira– poñerán en valor dalgún xeito “o noso”, pois serán elaboradas por integrantes da Escola de Hostalería de Foz, “da que tan orgullosos nos sentimos”. Os chícaros poderanse degustar tamén ao vapor ou en empanada.

O DOMINGO, DÚAS CHARLAS

O día grande do festexo será o sábado 18, xornada na que haberá actuacións musicais do grupo Mar Aberto, da charanga NBA e das agrupacións A Subela e O Feitizo. Ás doce do mediodía abrirase a carpa instalada no peirao focense para a degustación de berberechos e terá lugar o pregón. Ao día seguinte, o domingo 19, seguirá a festa gastronómica con degustación de berberechos en locais hostaleiros da vila.

A programación da décimo sétima Festa do Berberecho tamén inclúe actividades previas para o venres 17, concretamente dúas charlas no salón de actos do Cenima a partir das 20.00 horas: unha de Antón Niñe, que falará do 90 aniversario do pósito de pescadores focense; e a outra de Xesús do Breogán, titulada ‘Foz, versión única da salve mariñeira‘.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...