O accidente dun camión, que se saíu da vía no municipio de Foz, obrigou a cortar parcialmente a estrada Nacional 642, á altura da Espiñeira, onde se traballa para retirar o vehículo pesado da marxe da calzada.
A saída de vía produciuse ás 08.32 horas, entre o quilómetro 28,5 e 29 da citada estrada nacional e, malia o aparatoso que foi o sinistro, o condutor resultou ileso. O vehículo saíuse da vía e quedou medio envorcado sobre a marxe da estrada.
Fontes dos servizos de emerxencias precisaron que está cortado ao tráfico un dos carrís da vía, que provocou a formación dalgunhas retencións, dado que se estableceu paso alternativo en ambos os sentidos da circulación.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia mobilizou o 061, os Bombeiros de Barreiros, o GES de Cervo, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Foz e ao persoal de mantemento de estradas.