Os traballadores de Muebles Hermida, que aceptaron un expediente de regulación de emprego temporal (Erte) despois de que a empresa solicitase o concurso voluntario de acredores polas débedas acumuladas, recibiron este luns as primeiras certificacións por parte do Fondo de Garantía Social (Fogasa), ao que solicitaron o cobro das súas nóminas correspondentes aos meses de setembro, outubro, novembro e decembro.
Os 93 obreiros da moblería de Lourenzá, que desde o pasado 13 de xaneiro están de permiso retribuído ata que entre en vigor o Erte, cumpriron este xaneiro cinco meses sen cobrar despois de que a firma aboase, días antes do Nadal, medio mes de agosto. A notificación por parte do Fogasa, que informa do visto bo aos pagos, transmite “un pouco de tranquilidade” a un persoal que padece as dificultades dos impagos, segundo expón o presidente do comité de empresa, Manolo Franco.
“Hai xente que o está a pasar moi mal. Algún dos empregados ten cinco fillos, xente humilde e emigrante… A ver se podemos cobrar rápido”, indica Franco, que precisa que as previsións do administrador concursal, Javier Reigosa, é que poidan percibir o adebedado “a mediados de febreiro, sobre o día 10 ou 11″.
Sobre o Erte, o administrador concursal prevé que poida aplicarse desde esta semana, sempre á espera dos tempos da tramitación, e xa prepara a documentación para presentar na Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (Sepi).
Á ESPERA DUNHA POSIBLE COMPRA
Segundo o pactado co comité de empresa, que someteu o documento a votación entre o persoal, o período máximo de aplicación do expediente de regulación de emprego temporal será de nove meses. De atoparse unha solución para a empresa, que pasa por un comprador ou unha inxección de capital, Muebles Hermida chamará aos empregados para reincorporarse, de xeito que, se están a traballar noutra firma, terán a elección última de se volver ou ficaren nos seus postos.
“A maioría xa está buscando algo, porque é un período moi longo e hai que traballar”, indica Franco. No tocante a unha posible compra de Muebles Hermida, que os traballadores ven como a única posibilidade para reflotar a moblería, o sindicalista sinala que “por agora non sabemos nada. Estase a negociar, pero non hai nada concreto”, conclúe.