A Xunta de Galicia anunciou a adxudicación da redacción do estudo de alternativas para mellorar o abastecemento nos concellos de Ribadeo e Trabada. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comprometérase no pasado mes de outubro cos gobernos municipais ribadense e trabadense a revisar o proxecto redactado en 2011, e aínda sen licitar.
O Goberno autonómico e os Concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución ao problema de abastecemento de ambos os dous municipios, co cofinanciamento, tamén, da Deputación Provincial de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.
O estudo, que levará a cabo a empresa adxudicataria IDOM, Consulting Engineering Architecture, SAU, analizará a substitución da condución de abastecemento actual, que se atopa nun estado deficiente, por un sistema eficiente e tecnicamente viable.
As redes municipais de abastecemento de auga deste concellos presentan “graves deterioros“, admite Infraestruturas e Mobilidade, polo que este proxecto “arroxará as actuacións necesarias para solucionar estas carencias e poñer á disposición dos veciños un servizo axeitado ás súas necesidades”.
OITO ANOS SEN LICITAR
A Xunta elaborara hai oito anos un proxecto global para substituír a tubaxe que suporía un investimento de máis de 5,5 millóns de euros.
Hai seis anos, o Goberno autonómico chegou a facer unha separata para unha primeira fase, onde se construiría un depósito de auga por 1,5 millóns de euros.