A firma Rotugraf Ribadeo S. L. recibiu o distintivo Indicador ARDÁN de empresa Gacela no ano 2019, que concede a institución pública Consorcio da Zona Franca de Vigo, por ser unha das firmas que máis crece en Galicia.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández, comunicou aos responsables da empresa Rotugraf Ribadeo S. L. que esa institución, a través do servizo de información ARDÁN, “selecciona anualmente as empresas galegas que destacaron en distintos factores relacionados coa competitividade empresarial. A medición para obter os indicadores ARDÁN baséase en metodoloxías deseñadas e actualizadas en colaboración con grupos de investigación da Universidade de Vigo”, indicou.
Así, Rotugraf atópase “entre o selecto 6% de empresas galegas que alcanza os criterios para obter algún destes distintivos”.
QUINCE ANOS DE ANDAINA
A xerente de Rotugraf, Raquel López González, explicou que “recibir un recoñecemento coma este, no que a nosa empresa familiar forma parte do 6% das que máis medran en Galicia, é algo moi importante para nós. É moi grande estar nesa lista con Inditex”, remarca.
“Rotugraf naceu fai máis de 15 anos sendo un proxecto familiar moi pequeniño, con moi pouca infraestrutura e que rotulaba valados nos campos de fútbol. Hoxe podemos dicir que temos todas as máquinas que existen no sector e que traballamos para varias multinacionais, exportando aos cinco continentes. Creo que este é o recoñecemento a reinvestir os beneficios en maquinaria, en materiais e en I D do noso sector e supón un orgullo moi grande saber que obxectivamente con estas decisións estámolo facendo ben”, argumenta López.