A Feira de Antigüidades de Burela, que cumprirá do 10 ao 12 de agosto a súa terceira edición, xuntará a 19 anticuarios, o que supón o récord de participación do evento.
O pavillón Monte Castelo acollerá o encontro, que abrirá o venres ás 17.00 horas e que ficará aberto mañá e tarde durante o sábado e o domingo, de 11.00 a 14.00 horas en horario matinal e de 17.00 a 22.00.
O concelleiro de cultura, José Díaz, resaltou o esforzo da organización, que encabeza Manolo Piñeiro, e do goberno local para recuperar a cita. “Houbo anos nos que se perdeu e tentamos darlle continuidade”, sinalou. O edil destacou que a feira “vai medrando e nesta edición superaremos en tres postos os que tivemos na anterior”.
Díaz espuxo que “A Pontenova e Vegadeo, xunto con Burela, son as tres feiras de antigüidades importantes que hai pola zona. Esta feira dá ao noso municipio un toque cultural e atractivo”.
OUTRAS ACTIVIDADES
A concellería de cultura de Burela ofrecerá unha nova sesión de cine ao aire libre. Sera o mércores, día 8, desde as 22.00 horas na praza da Mariña. Proxectarase a película ‘Spiderman, de regreso a casa’.
O domingo 12 de agosto volverá o rastrillo popular solidario, de 10.00 a 15.00 horas, na praza da Mariña.