Un total de trece escolas de Hostalería e 14 profesionais competirán nos campionatos internacionais de baristas que impulsa o IES de Foz, que se celebrarán do 12 ao 14 de febreiro e que se poderán seguir en directo por streaming grazas á colaboración do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo.
Así o anunciou a voceira provincial socialista e deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que, acompañados do alcalde de Foz, Fran Cajoto, e do director do IES de Foz, Nicolás Asensio, presentaron este martes o XIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería; o VIII Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería; o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais e o primeiro Campionato Internacional de Catas de Cafés de Profesionais.
No acto, as alumnas Perla Daniela Sención, que representará á Escola de Hostalaría focense no Campionato de Baristas, e Iria Pardo, no de Catas, prepararon unha degustación de cafés para os asistentes, e demostraron o gran nivel formativo deste centro focense.
O alumnado de segundo de Realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, será o encargado da emisión por streaming dos campionatos, nos que participarán escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, e profesionais do sector que, por primeira vez, competirán na cata de cafés. As competicións poderán seguirse en directo a través de Youtube.
PROMOCIÓN DA MARIÑA E FORMACIÓN PARA O ALUMNADO
A voceira do goberno provincial subliñou que a colaboración da Deputación co centro focego “está a ser moi frutífera porque serve de práctica ao noso alumnado, contribúe a difundir o gran traballo que está a facer o IES de Foz coa organización dos campionatos e dá promoción ao concello de Foz, á Mariña, e a nosa provincia en xeral”. García Porto tamén destacou a achega económica por parte da área de Turismo a un evento que contribúe á profesionalización dun sector, o da hostalería, que é fundamental para a economía da comarca”.
García Porto desexou moita sorte aos alumnos e alumnas que presentarán aos tres centros da provincia que participan na competición: o IES de Foz, o IES Sanxillao e a Escola de Hostalería Fundación Belarmino Fernández Iglesias.
PROGRAMA
O evento arrancará o mércores, 12 de febreiro, ás 17.30 horas cos Campionatos de Baristas e de Catas de Café das Escolas de Hostalería. O xoves continuará a competición de baristas ás 10.00 e pola tarde, ás 17.30, celebrarase por primeira vez o Campionato Internacional de Catas de Cafés Profesionais. Xa por último, o día 14, ás 9.00 horas empezará o VIII Campionato Internacional de Baristas Profesionais.
O encontro tamén inclúe dúas charlas. A primeira, o xoves ás 13:00 horas, leva por título ‘Un café, un método, un cocktail‘, a cargo de Willy Gómez de Astro Café Roasters, e a segunda, o venres, ás 14.00 horas, o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Urquía falará do ‘Cultivo biotecnolóxico do café‘. As dúas últimas xornadas haberá degustacións de repostería e café de 9.30 a 13.00 horas que estarán abertas ao público.