O grupo pucelano de rock Arizona Baby -en formato dúo- e Brisa Fenoy, autora da popular canción ‘Lo Malo‘, popularizada por Operación Triunfo, serán dous dos grandes atractivos da quinta edición do festival Osa do Mar de Burela. Fanto Fantini, a asociación organizadora, daralle un novo aire ao encontro, que se celebrará do 14 ao 18 de agosto e que mudará de formato: será de balde e os concertos celebraranse na vila de Burela.
No cartel elaborado pola organización tamén destacan grupos galegos como a banda de punk Terbutalina ou Baiuca, que mestura os sons tradicionais con electrónica. Oh Ayatollah, con representación burelesa na formación, é unha das revelacións da música pop da nosa terra.
Os concertos comezarán o martes 14 en distintos establecementos hostaleiros da localidade. Así, Es Un Árbol abrirán o programa ás 22.00 horas, na Parrillada de Jandro. Ás 00.00, Aula 11 actuarán no Boas Migas e ONNLBN tocarán desde as 02.00 horas do Badabing / Ipub. O mércores seguirán os recitais coa quenda de da Eu Son Band & Cooner, que estarán no Traste desde as 20.00 horas.
O xoves continuarán os concertos en diferentes puntos da vila. Voodoo actuarán na Marquesa (21.00 horas) e Superglú animarán o Boas Migas (23.00). O venres, a cervexería Kiko acollerá un mini-festival desde as nove da noite con Miss Lane & The Kryptonians, The Show Bass (The Xoubas) e Oh Ayatollah. Ao seu remate, a música seguirá co DJ Zé Pequeno no Warhol, desde as 02.00.
SÁBADO
A xornada grande do festival será o sábado. Esteban y Manuel (O Traste, 13.00 horas), Kings Of The Beach (cervexería Kiko, 13.45) e The Trunks (Hotel Nordés, 14.30) animarán o vermú. Pola noite, as actuacións serán na Praza do Concello. Abrirá o programa Arizona Baby (22.00 horas), tralos que actuarán Brisa Fenoy (23.15), Terbutalina (00.30) e Boyanka Kostova (01.45). Baiuca porá o broche de ouro ao evento no Warhol (03.00 horas).