A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, amosou a través dun comunicado de prensa a súa satisfacción polo acordo acadado este xoves no Consello da Xunta de Galicia, a través do cal o conxunto histórico e a zona contigua de características similares (rúas Álvaro Cunqueiro e San Roque, e parte alta da Estrada dos Remedios) son declarados Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico -Rexurbe-.
A localidade mariñá é a primeira da comunidade en acadar esta distinción que foi creada pola Lei de Rehabilitación e permitirá adoptar medidas de rexeneración, sociais, ambientais e económicas en conxuntos históricos degradados que teñan a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).
As áreas Rexurbe contarán cun plan de dinamización como figura central de deseño do futuro da zona, que fixe unha meta e a folla de ruta a seguir, mediante o estudo dos distintos usos alternativos, a análise, no seu caso, das modificacións urbanísticas precisas e a elaboración dun proxecto de financiamento que sirva para concentrar os esforzos da iniciativa pública, tanto dos distintos departamentos da Xunta de Galicia como do resto de administracións, sen esquecer a iniciativa particular.
Segundo expuxo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as áreas Rexurbe son “un concepto que nace da primeira Lei de Rehabilitación. Trátase dunha nova figura que inclúe non só medidas de rexeneración de edificios, senón tamén iniciativas sociais, demográficas e económicas. Realizaremos actuacións públicas e privadas para mellorar os inmobles existentes, e tamén sociais, económicas e medioambientais para a mellora das condicións de vida e a creación de postos de traballo“.
915 VIVENDAS AFECTADAS
“O Concello de Mondoñedo ten a obriga de redactar un plan de dinamización, e á Xunta correspóndelle financiar as actuacións“, indicou Núñez Feijóo.
A área, segundo precisou o presidente da Xunta, inclúe o conxunto histórico e a zona contigua dos Remedios e a rúa Álvaro Cunqueiro; “son case cinco quilómetros cadrados, onde existen 704 edificios, 915 vivendas e 179 edificios que se atopan en estado malo ou ruinoso“, expuxo.
ÚNICO CONCELLO EN SOLICITAR A DECLARACIÓN
“Mondoñedo é o primeiro concello que solicitou esta declaración e así é o primeiro que a obtén”, expuxo Núñez Feijóo. De feito, o mindoniense é o único municipio que pediu esta declaración tras oito meses en vigor da nova normativa, segundo a Xunta pola “complexidade” da norma.
CANDIA CRE QUE SUPÓN “UN SALTO CUALITATIVO”
Candia destaca a “vontade colaboradora” do Goberno autonómico e traslada “un profundo agradecemento” aos traballadores do Concello, do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e da consellería. E é que esta declaración, sostén, “contribuirá a por en valor a nosa riqueza cultural e patrimonial”.
“Como mindoniense e como alcaldesa teño que dicir que hoxe é un gran día para Mondoñedo. Esta declaración suporá un salto cualitativo e cuantitativo para o impulso dos nosos recursos”, argumenta.
Neste senso, considera que “será un atractivo máis para a rehabilitación e para atraer investimento así como para animar aos propietarios a facelo”.