O BNG presentará iniciativas no Parlamento galego e no Concello de Barreiros para pedir responsabilidades pola utilización do castro de Benquerencia como aparcadoiro de autocaravanas.
Así o anunciou a deputada do partido nacionalista Olalla Rodil, que visitou o xacemento con representantes do grupo frontista para coñecer a situación e entrevistarse con membros de Mariña Patrimonio, a asociación que -xunto con Adega– presentou unha denuncia no Seprona contra a acampada.
“Non se pode permitir que o noso patrimonio siga sendo maltratado e que as administracións non fagan nada por protexelo. Pediremos explicacións e responsabilidades a todos os niveis e presentaremos iniciativas no Parlamento Galego”, anunciou Rodil.
A voceira municipal do BNG, Ana Ermida, asegurou que “o Concello non pode poñerse de perfil e tratar de desviar responsabilidades cara á propiedade da finca. A administración local ten responsabilidade na ordenación dos espazos e no uso que se lles dá. E cando hai un ben patrimonial, sexa onde sexa, a obriga do goberno local é non só protexelo, senón promocionalo para que a sociedade tome consciencia do seu valor”, concluíu.
A POLÉMICA, AO PLENO
Ermida adiantou que o BNG local levará tamén este tema ao pleno municipal e esixirá que se tomen medidas. “Utilizar o patrimonio só para sacar fotos non é traballar con cabeza na defensa e posta en valor do territorio. É, simplemente, fomentar un turismo ao que non se lle dá a coñecer o valor das cousas e por iso acontecen situacións coma esta, na que os prexuízos superan con moito aos posibles beneficios”, asegurou.