InicioMovementos SociaisFoz acollerá o 8-m a manifestación unitaria do feminismo da Mariña Lucense

Foz acollerá o 8-m a manifestación unitaria do feminismo da Mariña Lucense

A mobilización, que sairá da Rapadoira ao mediodía, reivindicará o papel das mulleres na atención a crianzas, dependentes e tamén á natureza, porque "sen coidados non hai vida"

Publicada o

- Advertisement -

A vila de Foz acollerá o domingo 8 de marzo a manifestación unitaria do feminismo da Mariña Lucense no Día Internacional da Muller. Así o anunciou a plataforma Galegas 8-m, que celebrou o pasado xoves a súa segunda reunión de cara a elaborar o programa de actos reivindicativos a prol da igualdade.

A protesta partirá da Praia da Rapadoira ás 12.00 horas, co obxectivo de obter un respaldo multitudinario, como aconteceu en Burela no pasado ano, baixo o lema ‘Por todas as mulleres, por todos os dereitos’.

Desta volta, Galegas 8-m A Mariña precisa que a temática vertebradora da manifestación serán os coidados, “tanto ás persoas como pola natureza e a terra“, precisa Inma Orol, que neste caso exerce como voceira do colectivo.

A convocatoria, baixo o lema ‘Sen coidados non hai vida: mudando o sistema e derrubando o patriarcado‘, fai fincapé en que tanto a atención das crianzas como das persoas maiores e dependentes seguen a ser tarefas nas que se carga co peso ás mulleres, sen que boa parte dos homes compartan responsabilidades.

O TRABALLO “INVISIBLE” DOS COIDADOS

“O traballo do coidado debe ser o motor da vida e está invisibilizado, sen remuneración, aforrando custos a nosa sociedade dunhas tarefas que conlevan un gran esforzo a todos os niveis. As mulleres coidan das crianzas, do fogar, das persoas dependentes, e cando estas labores son remuneradas e profesionais, vemos como as persoas que as fan teñen contratos con escasas garantías e cunhas condicións económicas infravaloradas“, expón Orol.

No tocante ao coidado do medio ambiente, desde Galegas 8-m A Mariña resaltan o papel das mulleres que viven no rural, “que están moi involucradas, ofrecendo exemplos de alternativas á hora de facer as cousas, de cooperativismo e de formas de produción que supoñan un cambio ao modelo do capitalismo salvaxe”.

Ao coincidir o 8-m en domingo, nesta edición non se fixo chamamento á folga, aínda que algúns sindicatos si ofrecerán cobertura para todas aquelas que queiran facer paro.

MÁIS ACTIVIDADES

A manifestación de Foz non será a única actividade programada na Mariña con motivo do 8-m. Barreiros (22 de febreiro), Burela (23) e Ribadeo (29) acollerán obradoiros de pintar camisetas a cargo do Observatorio da Mariña Pola Igualdade. Ademais, estanse a perfilar máis actos, tanto na xornada do 8 de marzo como nas semanas previas.

AUTOBUSES PARA VERÍN O 1-m

O colectivo traballa non só na manifestación central da Mariña Lucense, senón tamén para reforzar a protesta unitaria do feminismo galego, que se celebrará en Verín o primeiro de marzo. Galegas 8-m escolleu o municipio ourensán polo éxito da resposta social á decisión da Xunta, finalmente rectificada tralas protestas, de pechar o paridoiro do hospital comarcal verinés.

A mobilización está prevista para as 12.00 horas, e desde A Mariña trabállase para facilitar o desprazamento. “Ofertaremos autobuses. Estamos a falar cos Concellos e algúns deles prestáronse para fletar un autocar”, indica Orol.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...