Os alcaldes de Cervo e Xove asinan un comunicado conxunto no que anuncian que fletarán autobuses para aqueles veciños que queiran asistir á manifestación convocada en Lugo polo comité de empresa de Alcoa San Cibrao para reclamar ao Goberno central un abaratamento do prezo da enerxía que garanta a continuidade da planta de aluminio, posta en cuestión pola multinacional sen luz máis barata.
“En apoio aos traballadores de Alcoa e ás súas familias, e tamén pola vital importancia que a supervivencia da empresa ten para os propios Concellos como institucións”, os gobernos locais de Cervo e Xove fletarán dous autocares que complementarán aos que o propio comité de empresa ten programados.
O autobús de Xove sairá ás 8.00 da marquesiña do centro cívico, mentres que o de Cervo farao á mesma hora da Casa do Mar de San Cibrao, cunha parada ás 8.15 horas na capital do municipio.
“Estamos nun momento crucial no que se decide o futuro dos nosos Concellos e da Mariña. O futuro de moitas familias depende da continuidade de Alcoa e de que o Goberno teña en conta as alegacións presentadas a un estatuto do consumidor electrointensivo que lonxe de solucionar o problema do prezo da enerxía o que fixo foi colocar a Alcoa nunha situación de peche inminente e irreversible”, aseguran os rexedores de Xove e Cervo, os populares Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, respectivamente.
“Pedimos ao Goberno do Estado que cumpra as súas promesas e estableza as condicións necesarias para que prezo da enerxía se sitúe na contorna dos 35 euros/MWh que posibilitarían seguir fabricando aluminio en España”, afirman, para afearlle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, “que viñese a un mítin en Santiago sen traer unha solución ao grave problema no que se atopa a nosa industria”.