A vixésimo novena edición da Festa do Ourizo de San Cibrao, declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008, terá lugar o sábado 14 de marzo. A cita foi presentada na mañá deste martes polo edil de Turismo, David Rodríguez, polas concelleiras de Cultura e Medio Ambiente, e por representantes da hostalería local. Un programa cheo de actos e actividades animarán a exaltación gastronómica.
Un ano máis, haberá un show cooking, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, a partir das 11.45 horas. O asistentes poderán comprobar as habilidades de “catro prestixiosos chefs e unha pasteleira todos eles integrantes da Asociación de Cociñeiros da Mariña Lucense: Bruno Pena do Oca Playa de Foz Hotel & Spa, Míchel Cociña do Restaurante Casa Miranda (Burela), Jesús Gavín do Restaurante O Asador (Barreiros), David Moledo do Restaurante A Mirandilla (Rinlo) e Silvia Cabaleiros da pastelería Cabaleiros (Lourenzá)”.
Os integrantes da asociación “cociñarán ante as persoas asistentes sorprendentes e innovadoras receitas elaboradas coa base do ourizo, e estarán acompañados polo nutricionista Noel Pinín, que dará cumprida información sobre as propiedades do equinodermo, que é unha importante fonte de proteínas”, expoñen desde o goberno local.
Ao remate do show cooking as persoas asistentes terán a oportunidade de probar o resultado desta cociña de vangarda centrada no produto estrela da festa.
Ademais, ás 18.00 horas está previsto un masterchef infantil que estará coordinado polos/as chefs parcipantes na “co obxectivo de que os máis pequenos da casa tamén tomen contacto con este produto tan noso, ao tempo que pasarán unha tarde do máis divertida”, explica Rodríguez.
SETE LOCAIS OFRECERÁN RECEITAS
Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Cibrao que participan na exaltación gastronómica: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega, Maruxaina e Nordesía; coa colaboración tamén do Buenavista, que ofrecé menú degustación de ourizo no seu comedor.
Nesta ocasión, o concurso celebrarase mañá mércores, 4 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 18.00 horas. O xurado composto polos cociñeiros que participarán na Festa decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 19.00 horas na mesma Casa da Cultura.
O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. O Concello elaborará un folleto informativo no que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar e que terán como denominador común o ourizo.
COCIDO OU EN PATÉ
Na carpa, como vén sendo habitual, poñerase á venda ourizo cocido da man, nesta ocasión, da asociación Mistura. Tamén estará presente nesta nova edición Conservas Artesanais Ares, que ofrecerá oas visitantes unha degustación do seu paté de ourizo.
MÚSICA
e ademais, non faltará animación na rúa a cargo do grupo Louband. Ademais haberá sesión vermú desde as 14.00 horas a cargo da orquestra Costa Dorada; que repetirá pola noite, desde as 22.00 horas na carpa.