A número 8 da lista do PSdeG-PSOE ás eleccións municipais de maio de 2019, María Milagros Louzán García, tomará posesión no pleno do vindeiro xoves como nova concelleira na corporación de Foz e ocuparase das delegacións de Muller, Igualdade, Migración e Sanidade no goberno local. Así, substituirá a Verónica Peña, que a finais de xaneiro renunciou á acta despois de que o xeriátrico do que é copropietaria, denunciara “competencia desleal” por parte da residencia municipal.
Louzán, focega de 40 anos, dedicouse á xestión de obras públicas e actualmente é profesora de matemáticas no IES de Foz. Defende “un feminismo integrador e aberto no que todas as mulleres e todos os homes traballen nos seus respectivos ámbitos para acadar a igualdade real”.
Con respecto á área de Migración, opina que “desde o Concello traballaremos para mellorar o nivel de integración dos migrantes e desmentir os bulos sobre os mesmos que só conseguen aumentar a xenofobia e o racismo”.
Con respecto á Sanidade, Louzán declara que é un momento de “desmantelamento do público. Derivar servizos á sanidade privada é o primeiro paso para facer que no sistema sanitario primen os criterios económicos antes que os puramente médicos. Non nos podemos permitir que os pacientes sexan vistos como euros, e iso é o que pasa cando os hospitais son entidades privadas. Desde os concellos podemos recibir e canalizar as queixas dos veciños”, concluíu.