Un camión que carrexaba unha autocargadora chocou este venres contra a ponte sobre a estrada N-642 situada na variante de Forxán, en Foz, sen que houbese feridos. O vehículo quedou enganchado ao sobrepasar a carga a altura da construción, no punto quilométrico 34 da vía.
Segundo confirmaron fontes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia, o sinistro aconteceu sobre as 17.10 horas. Foi o propio condutor do vehículo quen deu a voz de alarma. Daquela, o CIAE mobilizou a operarios da Policía Local, Protección Civil e aos Bombeiros de Barreiros.
A colisión si causou importantes retencións de tráfico, dado que a vía é a que vertebra a comarca da Mariña Lucense, de xeito que, de acordo coa información de Protección Civil, habilitouse un desvío polo centro da vila para dar fluidez á circulación mentres os operarios poidan retirar os restos do accidente.
Así mesmo, queda calibrar en que medida foi danada a ponte pola colisión, que segundo fontes oficiais afectou ás vigas da infraestrutura.