O consistorio de Mondoñedo acolleu este sábado o acto de presentación do libro ‘Al pasar de los años‘, de Miguel Somovilla, unha recopilación de artigos de Álvaro Cunqueiro editada pola Fundación Castro.
O autor da publicación, xornalista que tivo altas responsabilidades en TVE e que foi xefe de prensa da Real Academia Española (RAE), recolle na súa obra máis de douscentos artigos publicados por Cunqueiro en distintos xornais.
O autor da publicación relatou varias anécdotas relacionadas co proceso de creación da súa obra e destacou a relevancia intelectual de Cunqueiro. En ‘Al pasar de los años’, que se pode adquirir nesta ligazón, abrangue 51 anos (1930-1981) de xornalismo do escritor mindoniense, con pezas que falan do mar de Foz, a costeira do bonito, Sargadelos ou por suposto Mondoñedo, entre temas habituais do literato, como a gastronomía ou o curandeirismo.
Na presentación do libro participaron, entre outros, César Morán, catedrático e gran estudoso do escritor mindoniense, así como o fillo do autor homenaxeado, César Cunqueiro. Acompañaron tamén o evento o Esemble da Escola Municipal de Música de Mondoñedo ” O Pallarego” e o alumnado do colexio público nomeado como o autor, que recitaron poemas.
MÁIS DE 4.000 VISITAS Á CASA-MUSEO DO AUTOR
O peche do acto correu a cargo do concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García. Deu parabéns ao autor, tanto no seu nome como no do alcalde, Manuel Otero, e no de Elena Candia. García agradeceu ao antólogo de ‘Al pasar de los años’ que escollera Mondoñedo para facer a presentación desta obra. O mesmo concelleiro agradeceu a Armando Requeixo o traballo que efectúa como coordinador de publicacións da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro (CMAC), da que destacou que recibiu desde a súa inauguración máis de 4.000 visitas.