Máis dun centenar de expositores participarán na Feira Campomar, que se desenvolverá do 23 ao 26 de agosto en Tapia de Casariego. Os productos de alimentación e artesanía centrarán a mostra que pretende poñer en valor as actividades vencelladas aos sectores agrogandeiro e pesqueiro.
“A maioría son empresas, artesáns e asociacións de Tapia e doutros concellos do Occidente asturiano, pero nos últimos anos observamos que hai cada vez máis expositores doutros puntos de España interesados en participar na feira”, comenta a directora de Campomar, Elena Villarinos. “Temos unha lista de espera importante, pero temos que adaptar a dimensión da feira ao espazo do que dispoñemos”, engade.
O acto de inauguración oficial da feira celebrarase o xoves ás 20.00 horas , cun percorrido institucional polas stands instalados nas rúas da vila.
AXENDA LÚDICA E CULTURAL
Ademais de ser un escaparate comercial, Campomar concita ao seu redor un amplo programa lúdico e cultural que se inaugura xa este luns. O programa da feira inclúe visitas guiadas, representacións teatrais, presentación de libros, actuacións musicais, unha “olimpiada” de xogos tradicionais e conferencias en torno ao futuro do sector agrogandeiro na comarca.
O domingo, último día da feira, celebrarase un concurso de escanciadores de sidra, que se mantén na axenda desde a primeira edición.
VISITA Á LONXA
Unha das actividades que esperta máis interese é a visita á lonxa, a única en Asturias que conserva a tradicional venda “a viva voz”. O ruleiro amosa aos visitantes as rutinas de traballo nas instalacións onde se subastan as capturas dos barcos de baixura do porto.
A visita realizarase o venres 24 a partir das 16.00 horas. Os interesados teñen que dirixirse a concellería de Cultura para reservar as prazas que “se outorgarán por orde de inscrición”.
Na cultura mariñeira da vila afondarase tamén nunha visita guiada ao faro e a mostra de artes de pesca que acollerá o stand da Asociación Amigos da Historia de Tapia.