O BNG anunciou que o representante da formación nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, comprometeuse a “facer chegar ás Cortes Xerais do Estado” propostas para reclamar ao Goberno central “medidas definitivas” para mellorar a seguridade na A-8 á altura do Fiouco, nun treito pechado con frecuencia por néboa, e para habilitar un terceiro carril de subida na N-634, que supón a alternativa á Autovía do Cantábrico.
Rego visitou a zona acompañado do voceiro do partido frontista en Mondoñedo, Eloi Cabanas, e comprometeuse a levar ao Congreso mocións presentadas con anterioridade tanto no Concello como na Deputación de Lugo.
No tocante á N-634, ademais de esixir melloras no pavimento ou na sinalización horizontal e vertical da estrada, para mellorar a fluidez e a seguridade do tráfico, Rego proporá tamén a prolongación do terceiro carril de subida da estrada nacional ata achegalo a rotonda de enlace coa autovía no alto da Xesta.
Con respecto á A-8, Cabanas apunta que a autovía permanece pechada unha media de 600 horas ao ano e lamenta que seis anos despois da súa inauguración “o Ministerio siga aínda falando de estudos e de probas de prototipos para paliar a falta de visibilidade no tramo do Fiouco ou que a N-634 siga nas mesmas condicións que cando se desviou o trafico por primeira vez no ano 2014″.
O edil mindoniense lembra que en xullo de 2014 o BNG xa presentara iniciativas nas Cortes Xerais por medio da deputada nacionalista Rosana Pérez para demandar mellores accesos a Mondoñedo e maior seguridade na A-8, pero “foron rexeitadas cos votos en contra do Partido Popular“.