O grafiteiro coñecido como Primo de Banksy levou a súa controvertida arte ao porto de Foz. Así o anunciou o artista lucense en redes sociais.
Este activista social, do que se descoñece o nome, aproveita a noite para realizar clandestinamente os seus grafitis, nos que amosa unha visión crítica da sociedade. Móvese principalmente por Lugo, a tenor de onde está a maioría da súa produción, pero tamén actuou en lugares como Ferrol, A Coruña ou Chueca, onde fixo un tributo a Federico García Lorca.
Desta volta, tal e como amosou en Instagram, pintou unha imaxe de migrantes -baseada nunha foto de Gabriel Tizón– subidos a unha gamela na que rema Caronte, o barqueiro de Hades na cultura grega, que se encargaba de guiar as sombras errantes dos mortos recentes dun lado ao outro do río Aqueronte.