O pasado domingo, despois de sumarse a outro aplauso unánime nos balcóns de todo o Estado para os sanitarios que están a loitar para paliar os efectos do coronavirus, a Fátima Fernández, directora da residencia de Foz, un dos usuarios do servizo díxolle unha frase que lle quedou gravada: “tamén se podería aplaudir por nós, porque non é doado estar pechados nun centro sen as familias”.
Dado que os anciáns son especialmente vulnerables ante a pandemia, imponse por precaución a restricción das visitas nas residencias de maiores, que na maioría dos casos é absoluta; só poden acceder os familiares de persoas que estean nun estado grave ou mesmo en coidados paliativos. Esta corentena, lonxe das súas familias, supón “un enorme esforzo” tanto para os usuarios que están illados como para os seus seres queridos, expón Fernández.
“Na nosa residencia, con 40 residentes, hai un porcentaxe de visitas moi elevado, desde marzo a decembro do ano pasado contabilizamos 1.599 visitas, que é unha barbaridade”, remarca. “Diante diso, os usuarios botan moito de menos. Non é só que te veñan ver os familiares, é que os parentes dos teus compañeiros tamén preguntan con ti, tamén falan contigo. Estar pechados é difícil para todos, pero para eles é un tormento”, salienta.
VIDEOCHAMADAS PARA LIMAR AS DISTANCIAS
Os servizos tentan limar as distancias como poden. “Isto xera moita anguria. Facemos videochamadas, poñémolos ao teléfono… De momento van dous días, pero hai que ver a longo prazo porque seguramente isto vai perdurar”, explica Ana Noriega, que coordina o centro de maiores de Xove, con 140 usuarios.
“Hoxe comezamos a mandarlles fotografías e vídeos de cada familiar, para que saiban como están, da mesma maneira que lles pedimos ás familias que fagan o mesmo”, indica Fernández.
Os casos máis problemáticos son os daquelas persoas que tiñan posibilidade de saír para a tomar un café e fumar un cigarro, ou ler o xornal mentres toman unha cervexa cun aperitivo. “Tivemos que traerlles iso que eles chaman ‘luxos‘, pero que lles dan moita alegría, polo menos para que se non poden acceder non teñan por que privarse deles”, remarca Fernández. Noriega coincide: “quenes están en apartamentos tutelados, con certa autonomía, non entenden por que se teñen que confinar. Pouco a pouco vano entendendo pero é difícil”, remarca, para lembrar que “apenas levamos uns días” de confinamento e que “semella que podería alongarse máis no tempo do previsto”.
MEDIDAS DE PROTECCIÓN RIGOROSAS
A corentena esixe medidas de protección contundentes. “Os ingresos quedaron suspendidos e as persoas que teñen que ir ao Hospital despois deben ser illadas, 15 días. Estamos todo o día desinfectando os pomos das portas, utilizando batas, máscaras e luvas… Dun xeito moi rigoroso”, subliña Noriega.
Fernández precisa que en Foz “unicamente poden entrar visitas para ver as persoas que están en estado grave; só pode acceder un familiar por residente e por vez, mirándolle a temperatura, limpando as mans na entrada e tomando todas as medidas de precaución (mascariña, bata, luvas). Non lles poñemos horario porque están nunha habitación illada. Á saída explicámoslles como teñen que quitar esa roupa”, concreta.
“MOITOS LEMBRAN A FAME E A GUERRA”
Outro dos factores que pesa, ademais da distancia, é o medo. “Son conscientes de que son un colectivo vulnerable; xamais utilizan a palabra morte, pero sabes que ronda. Quenes non teñen deterioro cognitivo len a prensa todos os días; foron vendo como entrou un virus perigoso. Eles téñeno por veces máis asimilado ca nós, porque viviron tempos de guerra e de fame, de confinamento. Están lembrando moito as épocas de estar na casa pola Guerra Civil, e algúns ata falan dunha gripe do século XIX da que lle falaban pais e avós”, precisa Fernández.
“MÁIS MEDO A CONTAXIAR QUE A SER CONTAXIADOS”
“Unha das cousas que me piden os usuarios é que lles dixeran ás familias que estabamos todos ben, residentes e sanitarios, e que os querían. Iso é suficientemente explícito”, remarca, para afirmar que “cando saben do estado das familias tranquilízanse. Teñen máis medo a contaxiar que a ser contaxiados“, conclúe.
E como van pasando a corentena? “Facemos actividades co Google Maps, vendo as casas onde naceron, ou dando unha volta por Lugo, por Madrid, por Barcelona. Sempre actividades moi lúdicas”, indica Fernández, que engade que “hai unha iniciativa colectiva para colgar contos na rede e están saíndo historias de vida que gardaremos para entregarllas aos fillos”, remata.
RECOÑECEMENTO ÁS FAMILIAS, “AS GRANDES PREXUDICADAS”
“As familias están sufrindo pero cooperando moitísimo”, indica Noriega, o que corrobora Fernández. “Os familiares son outro dos grandes prexudicados por esta crise, porque o están a pasar moi mal por non ver os seus parentes. Especialmente naqueles casos con deterioro cognitivo; xa que non se pode conversar, non é o mesmo poder tocar e bicar que ter que mirar unha fotografía nunha pantalla”, conclúe.