Dous quintos da banda revelación do pop en Galicia, Oh! Ayatollah, son mariñaos: Nuno Pico (voz e teclados) e Xoel Xeada (guitarra). Falamos co primeiro sobre o concerto que ofrecerá o grupo este venres no Festival Osa do Mar, en Burela (00.00 horas, cervexería Kiko).
Que tal iso de xogar de locais?
Mola, mola moito. Para Xoel e para min é tocar na casa e penso que tamén para os outros membros da banda, porque aquí sempre nos deron moitas facilidades e sempre nos trataron moi ben. Aquí gravamos o noso primeiro EP, con Bernardo (de The Brosas), e tamén actuamos no Xebra.
Para os despistados, Oh! Ayatollah non é unha banda de versións de Siniestro Total.
Non. Aínda hai xente que o pensa (risas).
Nin hai nada no disco, ‘Volve a canción protesta‘ (2018), que faga pensar en Ismael Serrano ou Pedro Guerra.
Tampouco (risas). A verdade é que nos dá por escoller nomes confusos. Despois a xente pensará, imos ver estes chavales, que van cantar a Serrat (risas).
“aínda hai xente que pensa polo nome que tocamos versións de siniestro total. non somos as ronettes, pero facemos pop”
Para quen non vos escoitou, como definirías o grupo?
Pois viñamos dun proxecto máis punk, como era Skholma, e tiñamos gana de montar unha banda de pop. Non é que sexamos as Ronettes, pero é o que facemos. Hai xente que nos di agora que había un oco para un grupo coma nós, que se botaba en falta, pero non é que fora algo moi consciente, xurdiu dunha maneira espontánea.
No pop da vosa xeración as guitarras perderon peso, pero vós vades ao voso.
Si, les novas de que Gibson está en quebra… É verdade que deixou de algunha maneira de ser o instrumento principal do pop, e nós somos un grupo de guitarras. Pero tampouco é que sexamos uns puretas defensores da guitarra eléctrica, eh? (risas). A música sáenos do que máis escoitamos, do que mamamos. Non sería moi natural facer sampleados. Se mañá escoitamos outra cousa, sairá outro tipo de música.
“interésanos facer música lixeira, bonitiña, pero cunhas letras que conten realidades crúas”
A música é lixeira, mesmo bailable. Pero as letras falan, desde o voso prisma, da precariedade que está a vivir a vosa xeración ou dos pequenos fracasos da vida.
Iso gústanos. Si que nos parece interesante facer unha música bonitiña, popera, e que as letras falen de cousas crúas. Moitos dos grupos que máis escoitamos teñen algo diso: Blur, The Homens, The Jam, a Velvet Underground…
Falan de vós (Xiana Arias, da Radio Galega, O Leo, Ataque Escampe) como a “gran esperanza branca”, por dicilo dalgún xeito. Presta ou pesa?
Home, presta moito, sobre todo vindo de xente coma O Leo, que leva toda a vida nisto. Pero tamén, se te paras a pensalo, dis “me cago en tal, a ver se nos vai entrar unha pájara, coma a Bojan” (risas).
“está moi ben ter o combo dominicano, pero tamén mola que haxa unha alternativa cultural na mariña”
Que importancia lle dás a eventos coma o Osa Do Mar?
A verdade, é un privilexio poder escoitar a Triángulo de Amor Bizarro ou Novedades Carminha, que son grupos que o petan en España, a 500 metros da casa. Está moi ben ter festas e que veña o Combo Dominicano, pero tamén mola ter cultura alternativa na Mariña. E sobre todo hai que valorar o esforzo altruísta que fai esta xente. Que se afiance e siga por moitos anos.
Algo que queiras engadir á entrevista?
Non. Taba pensando, facendo exame, e penso que non dixen ningunha palabrota (risas), nada, todo ben.