O comité de empresa de Alcoa confirmou este mércores que a día de hoxe “non hai ningún caso positivo por coronavirus” no complexo industrial de San Cibrao. Teres traballadores están “en corentena preventiva, asintomáticos”, por contacto directo cun positivo fóra da contorna laboral, precisan os sindicatos.
O organismo de representación de traballadores concretou que o servizo médico da empresa “actualizará diariamente esta información a todo o persoal a partir do venres”.
Ademais, expuxo o comité a través dun comunicado de prensa, “púxose en marcha desde esta tarde un novo sistema para control de entrada e saída de contratistas substituíndo o sistema da pegada táctil“. Tamén se anularon as máquinas de vending e café, dado que se seguen producindo concentracións de xente na contorna destes aparatos. Eliminaranse asemade as fontes de auga, que se substituirán por botellas.
MEDIDAS NO TRABALLO
No tocante ao traballo a realizar, en aluminio “vaise a reducir a actividade de rebrascar cubas; tamén se están revisando todos os traballos de mantemento que se poidan pospoñer ou reducir”. No relativo a alúmina, “estanse parando os traballos que non sexan imprescindibles”.
En ambas plantas “estase estudando a redistribución de tarefas de mantemento en quendas de mañá e tarde, para poder implantar esta nova organización na medida do posible nos próximos días”, prosegue o comité.
ALÚMINA IMPLANTARÁ O CALENDARIO 6-2
Alúmina vai implantar “o calendario 6-2 a partir do 20 de marzo co fin de ter a unha quenda de descanso 18 días e rotando. En función do avance da situación irase avaliando a continuidade do mesmo”, expoñen os sindicatos.
Tanto esta planta como aluminio, asegura o comité, dispoñen de plans de continxencia en función do desenvolvemento da epidemia e, no último caso, contemplando “ata seis posibles escenarios. Contémplase a posibilidade de aplicar un calendario 6-2 posteriormente e en función da ausencia de persoas”, remarcan os sindicatos, que engande que se “extremou o teletraballo para reducir a presenza” no complexo. Ademais, implantouse “a posibilidade de desvío de chamadas aos móbiles persoais no caso de persoas que utilizan terminais compartidos, mentres se traballa noutras alternativas”.
CONTROL DE TEMPERATURA NA ENTRADA
O comité salienta que “en breves semanas” haberá “un sistema de medición de temperatura en control de entrada”.