Unha auxiliar de enfermería de Burela que traballa no Hospital Público da Mariña deu positivo na proba por coronavirus, segundo puido saber este medio. Esta persoa atópase en confinamento domiciliario.
Trátase así do sétimo caso positivo desta enfermidade que se documenta de xeito oficial na Mariña Lucense, e o segundo dunha traballadora do centro hospitalario mariñao, despois de que unha sanitaria de Xove confirmase que padece o virus.
Polo momento hai un paciente ingresado no hospital da Mariña por coronavirus, un home de Viveiro duns 70 anos que se atopa na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Outro doente permanece tamén no centro hospitalario á espera da confirmación do resultado desde o Centro Nacional de Microbioloxía (Majadahonda), despois dun primeiro test negativo.