A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense anunciou que vén de poñer en marcha unha iniciativa para a promoción dos recursos turísticos deste xeodestino. A través de Facebook, Twitter e Instagram poderanse realizar visitas virtuais en 3-D e 360º a varios monumentos da comarca. ‘A Mariña desde a casa‘, así se denomina esta campaña ideada para poder visitar desde a casa, neste tempo de confinamento, a Basílica de San Martiño, o Castelo de Castrodouro, a Igrexa de San Francisco, a Fortaleza de Tovar ou a Catedral de Mondoñedo.
O presidente da mancomunidade, Fran Cajoto, expuxo que “agora que non podemos saír, que temos que quedarnos mirando as pantallas do ordenador, lendo ou tranquilamente facendo as nosas tarefas do fogar, está esta posibilidade. A través das pantallas do noso móbil, da nosa tablet ou do noso ordenador, ir visitando distintos recunchos da nosa comarca, moi fermosos, e grandes monumentos que temos dixitalizados en 360º e cunha calidade de imaxe espectacular”, explicou.
Cajoto indicou que “queremos que todo o mundo nos coñeza e que cando poidamos, que cada vez queda menos para poder saír das casas, nos veñan visitar, estimular que ao final as visitas virtuais sexan efectivas”.
Dende a Área de Turismo lanzouse esta pasada fin de semana esta campaña de promoción turística do xeodestino baseada en visitas virtuais e de realidade aumentada realizadas coa tecnoloxía Matterport 3D. Estas actividades pódense realizar na primeira oficina virtual de Galicia situada no Cenima, en Foz, coñecida como A Mariña Virtual.
ESTÍMULO PARA O TURISMO
Con esta acción, a mancomunidade brinda a posibilidade a todo o que o desexe de facer estas visitas, que se caracterizan “por tratarse de experiencias totalmente inmersivas chegando a parecer que estás no propio lugar, pero neste caso dende a casa”, sinala Cajoto. Dende a Área de Turismo animan a todo o mundo a seguir os perfís en Facebook, Instagram e Twitter cos que conta o colectivo de municipios mariñao para a promoción turística, para realizar estas visitas virtuais que, cunhas gafas compatibles coa ferramenta Matterport 3D, tamén se poderán facer en realidade aumentada e compartir as mesmas con todos os seus amigos e familiares.
Outro dos obxectivos desta acción é manter na mente das persoas o xeodestino da Mariña Lucense e destacar a súa grande riqueza cultural para que, cando todo isto pase e a xente retome a confianza, se decidan pola Mariña Lucense para pasar as súas vacacións ou realizar unha escapada.
MONDOÑEDO SUSPENDERÁ O COBRO DOS ALUGUERES DE LOCAIS MUNICIPAIS
O Concello de Mondoñedo anunciou que traballa nun paquete de medidas de contido económico e social, para axudar aos veciños a superar a crise socioeconómica que está a provocar o coronavirus. Entre outras, procederase á suspensión do cobro de alugueres de locais municipais, entre eles os da Praza da Abastos, durante o tempo de peche obrigado.
O executivo municipal asegura que se trata “da primeira medida, pero nestes momentos o Concello de Mondoñedo traballa na redacción dun plan municipal transversal, en colaboración co resto de Administracións, que contribúa a saír da situación provocada pola crise sanitaria e, especialmente, aos sectores máis afectados”.
ORDENANZA
Ao mesmo tempo, o Concello de Mondoñedo conta cunha ordenanza reguladora das prestacións económicas municipais de emerxencia ou de urxente necesidade, dirixida a paliar situacións carenciais graves que afecten ás necesidades básicas e/ou extraordinarias das persoas residentes e empadroadas en Mondoñedo. Estas prestacións están reguladas na correspondente ordenanza, aprobada en 2018.
Segundo se establece na citada ordenanza, os gastos que poden ser cubertos mediante este tipo de axudas son os seguintes: os derivados das necesidades básicas da vivenda habitual (aluguer, hipoteca ou recibos de subministración e reparacións básicas urxentes); aloxamento alternativo temporal; alimentación; menciñas e outros produtos de carácter sanitario que non cubra o Sistema Público de Saúde; apoio á conciliación familiar e laboral; transporte; calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores e que os traballadores consideren preciso cubrir.
Na citada ordenanza establécese que o período máximo destas axudas será de catro meses, se ben poderanse prorrogar excepcionalmente en casos concretos e debidamente acreditados e xustificados, tanto documental como tecnicamente. A ordenanza recolle que, en ningún caso, a cantidade percibida nun ano pola unidade familiar beneficiaria das axudas comprendidas neste regulamento poderá superar na súa totalidade en dúas veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM) mensual vixente.
A DEPUTACIÓN ADAPTA O PLAN ÚNICO
A Deputación de Lugo adaptará o Plan Único para que os Concellos poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante a crise do Covid-19. O goberno provincial decidiu que os municipios que o necesiten quedan exentos da obriga de destinar a investimentos o 50% do plan para poder dedicar eses recursos a afrontar gastos derivados da actual situación de emerxencia de saúde pública
O Plan Único 2020, que se incrementa ata os 21,3 millóns de euros, será aprobado nun Pleno extraordinario o 2 de abril co fin de que os Concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, que contribuirán, non só a cubrir servizos sociais, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego.
A UME DESINFECTA ESPAZOS EN VIVEIRO
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informa de que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) realizou traballos de desinfección hoxe en 25 lugares da provincia.
Durante toda a xornada, os 60 efectivos da UME desprazados polo Ministerio de Defensa á provincia de Lugo, dentro da Operación Balmis de loita contra o coronavirus, fixeron labores de desinfección en puntos considerados especialmente sensibles, entre elas en dúas residencias e o centro de saúde de Viveiro.
O CAMIÓN DE BOMBEIROS DE RIBADEO DESINFECTA RÚAS
O camión municipal de bombeiros do Concello de Ribadeo incorpórase desde hoxe ás tarefas de desinfección das rúas, que xa leva facendo desde hai días unha das máquinas barredoras. A actuación da comezo polas inmediacións das residencias de maiores e do centro de saúde, e seguirá por outros puntos da localidade.
O GES DE CERVO APLÍCASE NO HOSPITAL
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con base en Cervo leva realizando labores de desinfección nos espazos exteriores do Hospital da Costa, cada día pola noite, desde o pasado sábado 19 de marzo. A iniciativa foi consensuada entre a Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias e os concellos de Cervo e Burela, a solicitude da xerencia do hospital.
O COMERCIO DE VIVEIRO ORGANIZA UN CONCURSO DE FOTOGRAFÍA OU VÍDEO
A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro, pon en marcha este dias a través das súas redes sociais a campaña “#Eu Apoiarei O Comercio Local” na que se sortearán 150 euros.
Consiste en enviar unha foto ou un vídeo no que os clientes aparezan cun cartel que conteña unha frase en apoio ó comercio local, un motivo polo que mercar no comercio local unha vez volva a abrir.
As imaxes poderanse subir directamente ás Redes Sociais que a Asociación ten no facebook.com/Centro-Comercial-Histórico-de-Viveiro, Instagram ou Twitter @viveirocentro. E tamén se poderán enviar por mail a info@viveirocentro.com ou por WhatsApp ó 650.50.67.17. O único requisito e que ten que conter o hastag #Euapoiareiocomerciolocal.
Sortearanse 50 euros en vales de compra entre as fotos ou vídeos recibidos cada semana; a primeira, do 23 ao 29 de marzo; a segunda, do 30 de marzo ao 5 de abril; a terceira, do 6 ao 12 de abril.
Dende a asociación tamén se está a facer estes dias un recordatorio da campaña “30 días, 30 motivos para mercar no comercio local”, no que cada día se vai subindo ás redes un post que contén un motivo para mercar e apostar polos negocios minoristas “e así manter Viveiro vivo. Animamos á xente a que lle voten unha ollada a estas publicacións nas que poden inspirarse para crear os seus carteis e participar cada semana para gañar ata 150 euros”, conclúe o colectivo.