InicioEconomíaAlcoa é considerada "esencial" e poderá manter a totalidade da produción

Alcoa é considerada “esencial” e poderá manter a totalidade da produción

A multinacional confirma que tanto alúmina como aluminio gozarán de excepción na normativa para paralizar a actividade industrial

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa emitiu na tarde deste luns un comunicado de prensa no que informa de que “trala publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Real Decreto-Lei, confirmamos que a actividade produtiva da fábrica de San Cibrao, tanto da planta de aluminio como a de alúmina, foi considerada como esencial, polo que continuará desenvolvéndose con normalidade”.

A nota da multinacional parece poñer fin a dous días de confusión sobre a situación de aluminio, planta que produce en continuo e na que un apagado inmediato das 480 cubas de electrolise podería “danar irreversiblemente” a maquinaria, segundo lembrou o comité de empresa do complexo industrial de Cervo.

Nun luns no que as quendas e traballos no complexo industrial mantivéronse intactas, a situación deu un xiro nunhas poucas horas, tras presionar Alcoa ao Executivo central. Sobre o mediodía, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Unidas Podemos), asegurou en ‘Al Rojo Vivoque a continuidade da electrolise estaba recollida “no artigo 4” da normativa aprobada o pasado domingo para tentar conter o coronavirus, o que obrigaba á multinacional a decretar servizos mínimos para manter acendidas as cubas co mínimo persoal posible, como ocorre nas fins de semana.

Artigo 4 do Real Decreto-Lei. AXM

Con todo, Alcoa reclamou ao Ministerio de Industria, que encabeza Reyes Maroto (PSOE), que o Goberno central recoñecese a actividade da fábrica de alúmina e aluminio como “esencial“, a fin de manter a produción na súa totalidade. Fontes da propia empresa confirmaban esta mañá que se estaba “a traballar” para que San Cibrao gozase desa consideración, dado que a factoría da Mariña Lucense fabrica aluminio que se utiliza en sectores indispensables como o farmacéutico ou o alimentario.

A EMPRESA INSTA A APLICAR “CO MÁXIMO RIGOR” AS MEDIDAS DE SEGURIDADE

Fontes cercanas a Industria, consultadas este mesmo luns polo Xornal da Mariña, si interpretaban que o complexo industrial sancibrense é obxecto de excepción, aínda que non concretaron que punto do Real Decreto-Lei distingue a Alcoa coa mencionada categoría de “esencial”. Estas mesmas fontes remitíanse á normativa anterior -do pasado 14 de marzo-, na que tampouco hai un artigo concreto sobre a industria electrointensiva ou siderometalúrxica. Finalmente e tras o que parece un cambio de opinión por parte do Executivo central, a multinacional poderá manter a produción ao 100% como, resaltaba o comité en declaracións a Efe, “o fan empresas competidoras de países como Italia, onde a situación é peor que aquí”.

Nun comunicado aos sindicatos, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, instou aos obreiros a “seguir traballando con normalidade, enfocados no que podemos controlar e aplicando co máximo rigor as medidas para protexer a nosa seguridade e saúde e a de quenes nos rodean nestes momentos tan difíciles”.

CAJOTO AGRADECE AO GOBERNO A “BOA DISPOSICIÓN”

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, agradeceu a “boa disposición” do Goberno central para que “Alcoa continúe traballando. É unha empresa que produce aluminio, un produto esencial para moitas industrias como a alimentaria, a conserveira e de produtos básicos e de primeira necesidade”, argumenta o rexedor focego.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...