Este venres confirmouse o segundo positivo por coronavirus na Policía Local de Viveiro, segundo confirmou a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro. Estes dous casos súmanse aos do corpo da Nacional, onde se documentou que hai outros dous axentes infectados polo virus.
Xustamente, enténdese que os catro casos teñen relación. Segundo precisa a rexedora, tralo primeiro positivo dun Policía Nacional realizouse a proba PCR a dous axentes da Local que compartiron quenda e tiveron contacto co primeiro traballador afectado pola pandemia. O saldo dos tests arroxou un positivo e un negativo.
Coa confirmación do segundo positivo no corpo da Policía Nacional de Viveiro, realizáronse tamén probas a outros dous axentes que compartiron patrulla coa persoa infectada. Neste caso, unha muller deu positivo, sendo a segunda proba negativa.
PROBAS A TODOS OS AXENTES
A axente infectada atópase en illamento domiciliario desde hai días, segundo expuxo a rexedora, e sen síntomas. O pasado mércores realizáronse tests ao resto dos policías locais de Viveiro, segundo indicou Loureiro. Desas probas, polo de agora o Concello recibiu unha única notificación, con resultado negativo.