EFE. A Garda Civil interceptou a unha muller que viaxaba desde o interior da península en dirección á Mariña Lucense cun coche totalmente cheo de cousas, ata o punto de que a carga ocupaba totalmente o interior do vehículo e constituía “un grave risco para a súa propia seguridade” e, en consecuencia, para a dos demais usuarios da vía.
O interior do coche, precisa a Benemérita nun comunicado, estaba repleto de enseres, bolsas, mochilas, maletas e embalaxes, que ocupaban os asentos traseiros e o maleteiro, o sitio do copiloto e ata invadían o espazo do condutor.
No marco das actuacións realizadas para verificar o cumprimento das restriccións durante o estado de alarma, unha das patrullas que formaban parte de dispositivo establecido no quilómetro 507 (sentido Madrid) da autovía A-6, observou como en dirección á Coruña circulaba un turismo, apreciando claramente que o habitáculo destinado para o transporte de persoas estaba cheo de bolsas e outros enseres, sinala o Instituto Armado.
BOLSAS, MOCHILAS, MALETAS E EMBALAXES
Por iso, os gardas que estaban nese control fixeron un cambio de sentido e lograron interceptar á condutora á altura do quilómetro 517 da A-6, na provincia de Lugo.
A “cantidade e distribución de todo o que transportaba o coche”, reflicte a nota, supoñía un “grave risco para a seguridade vial, ao comprometer a integridade da súa condutora e única ocupante”, dado que a carga limitaba ata “a súa propia liberdade de movementos” e impedía o uso dos “espellos retrovisores”, ademais de condicionar “a estabilidade do vehículo”.
Foi denunciada por unha suposta infracción do Reglamento Xeral de Circulación e, como ademais confesou que se dirixía desde o interior da provincia á costa de Lugo, para o que comprara o coche no que viaxaba, tamén foi denunciada por incumprir as medidas decretadas no estado de alarma para conter o coronavirus.
Posteriormente, os axentes axudárona a realizar un trasvase da carga que transportaba a outro vehículo, para que puidese “circular sen contravir” as normas de tráfico e “sen risco para a súa seguridade”.
A MANCOMUNIDADE PIDE “RESPONSABILIDADE”
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, lembra a veciños e visitantes que os desprazamentos están restrinxidos polo estado de alarma. Así, pide “responsabilidade” durante esta Semana Santa.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fixo un chamamento “para que todo o mundo neste ano 2020 pola Semana Santa quede nas súas residencias habituais, que non faga movementos, que limite os contactos e que tempo haberá cando esta crise pase para disfrutar da Mariña. A nosa comarca é un sitio ideal para gozar das vacacións, pero non neste momento”, zanxou.