A pandemia do coronavirus conlevará un ano complicado en practicamente todas as manifestacións da vida social, e as festas, tanto as relixiosas como as paganas, non serán excepción. Á cascada de eventos cancelados ou adiados nos últimos días -aos que se sumarán aqueles programados antes do 26 de abril-, súmase a incerteza sobre o que ocorrerá unha vez levantado o confinamento, con posibles restriccións de aforo de haber posibilidades de contaxio.
O concelleiro de cultura, José Díaz, avanzou este martes que “vai ser moi complicado” celebrar as festas patronais de Burela a principios do mes de xuño, debido “ás posibles medidas que se adopten unha vez concluído o estado de alarma”.
O edil expuxo que falou coa presidenta da comisión de festas de Burela e indicou que poder respectar a data fixada, malia ter contratadas xa todas as orquestras programadas, probablemente non será posible ao agardarse unha “volta progresiva á normalidade” tralo remate do confinamento. “Ampliaranse eventos sociais aos poucos, e será demasiado pronto para facer unha festa ao aire libre e cun aforo multitudinario”, argumentou.
Outra das cuestións que dificultan a celebración “é a cuestión recadatoria, xa que non habería tempo material” para pedir polas casas e comercios da vila. Nesta tesitura, Concello e comisión “temos que falar para ver que camiño tomar, a posibilidade de facelas a finais de xuño, ata en xullo ou en agosto, pero todo iso é mellor valoralo no seu momento, vendo como van as cousas e no seu momento tomar a decisión”, aseverou.
ESGÓTASE O TEMPO PARA PEDIR EN CASAS E NEGOCIOS
Adrián Casas, xerente da axencia de espectáculos Seiramar e organizador do Naseiro, expón que “estamos parados en todos os aspectos; verbenas, eventos de cátering e comidas”.
Casas explica que Seiramar leva anulados “uns doce celebracións grandes, ceas-baile ou verbenas, desde o pasado 13 de marzo”, entre eles a centenaria Feira das Maulas. Malia que o verán é a tempada alta de festas e verbenas, a primavera soe ofrecer “un ou dous eventos por cada fin de semana”. Ve moi complicado que se poidan realizar as programadas para maio e xuño “porque se o confinamento se levanta o 26 de abril, non vas poñerte pedir o primeiro de maio. E hai que ver en que condicións volvemos, porque esa é a incerteza que temos todos”, explica.
Nese sentido, as festas máis tradicionais, que respectan a data do patrón ou patroa, teñen máis complicado atopar unha data alternativa. Tamén queda por saber que ocorrerá co San Xoán, coa necesidade engadida de pedir permiso para as fogueiras.
“Aquelas que non teñen patrón tentaremos cambialas. Haberá que traballar en outubro ou novembro, e as comisións que contactaron con nós preguntaron moito polo 26 de decembro“, indica Casas, que admite que “todos os días temos chamadas“.
INCERTEZA SOBRE A VOLTA E AS CONDICIÓNS DE AFORO
Con todo, a práctica totalidade das peticións non pode ser atendida, dado que se descoñece como será o levantamento da corentena. “Estamos un pouco a cegas. Se poidesemos saber cando imos traballar e en que condicións, que cantidades de xente se poderán reunir, poderiamos facer algo, pero realmente pouco traballo podes adiantar. Practicamente é un ano que no balance final o daremos por perdido, tentaremos eso si que as orquestras traballen o máximo posible”, salienta.
A confusión é tal que “dubidas mesmo de adiantar calquera cousa. Anunciar un programa, mesmo cando a data da festa é tardía no ano, pódese malinterpretar. Está claro que o principal é o problema sanitario, pero tamén é certo que destas celebracións come moita xente: subministradores das carpas, traballadores dos ‘botiquíns’ -polos bares ambulantes-, xeneradores de electricidade, músicos, técnicos de son…”, enumera Casas.
Aínda que moitos eventos cancelaranse e outros adiantaranse, o levantamento da corentena suporá un reto maiúsculo para empresas como Seiramar. “Teremos seguramente un traballo bastante forte para reestruturar todo. Será un ano difícil e raro“, conclúe.
SUSPÉNDESE O CONCERTO DE LOS SECRETOS
Díaz confirmou a cancelación do concerto que Los Secretos ían ofrecer na localidade burelá o vindeiro 25 de abril. O Concello estuda buscar outra data cara finais de ano, en principio en novembro. Desde ataquilla.com procederán a devolución automática do importe das entradas adquiridas. na tarxeta de crédito do comprador. De haber algún problema, o concelleiro explica que “a través da web, pódese contactar co persoal encargado da venda para ver como se pode facer”.