IniciosociedadeAbsa e Pescados Rubén doan case 500 quilos de pescada e xarda...

Absa e Pescados Rubén doan case 500 quilos de pescada e xarda para os burelaos máis vulnerables

CCA afirma que ten "a liña aberta" para plans dedicados ao comercio e o PP burelao pide axudas para os negocios "igual que en Riotorto ou Ribadeo"

Publicada o

- Advertisement -

Repasamos as medidas adoptadas polas Administracións estatal, autonómica e provincial, ademais dos gobernos locais, asociacións veciñais e de comerciantes, na situación de estado de alarma por mor do coronavirus, ademais das propostas de oposición e colectivos.

BURELA

SOLIDARIDADE DAS EMPRESAS

Un total de 90 familias de Burela reciben quincenalmente produtos frescos procedentes do Banco de Alimentos de Lugo. Ao reparto que se realiza uniuse a empresa Pescados Rubén, que fixo unha doazón de 270 quilos de cabala ou xarda, xesto que lle agradece a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López. Da distribución destes alimentos, como vén sendo habitual, encárganse Mulleres en Igualdade e o Concello.

A edil burelesa sinalou que “xa vai un mes dende que nos tivemos que confinar nos nosos fogares. E no departamento de Servizos Sociais de Burela, tal e como tiñamos estimado, é a partir de agora cando estamos detectando un aumento dos casos de solicitudes de axudas, sobre todo para alimentos e bens de primeira necesidade. Para paliar esta demanda, estanse preparando medidas de emerxencia”, expón.

López valora “a colaboración que estamos a atopar en moitas empresas de Burela e da súa contorna. Hai uns días, no anterior reparto contamos coa pescada do pincho, que nos doou Absa. Foron 90 pezas, en total uns 200 quilos. E agora Pescados Rubén fíxonos chegar 270 quilos de cabala para facer a súa achega a ese reparto de alimentos frescos”, enumera.

A concelleira de Servizos Sociais burelá quere transmitir unha vez máis “moito ánimo a toda a poboación. Dende o Concello quero tender a man a aquelas familias que precisan axuda”, remarca.

CCA ASESORA “DESDE O INICIO” AOS ASOCIADOS

CCA Burela afirma que “todos os Concellos, non só o goberno local”, contan “cun servizo de información á creación de empresas durante todo o ano, a través dos seus técnicos de desenvolvemento local”. Polo tanto, non percibe “ningunha novidade” no anuncio realizado polo executivo municipal.

O colectivo de comerciantes asegura que “leva informando aos seus asociados desde o inicio da corentena e das novidades a pemes”, e lembra ás administracións “que as liñas de comunicación están abertas para calquera plan específico para os negocios”. O CCA Burela reivindica que “é o grupo maioritario dos empresarios da vila” e lamenta “que nesta ocasión o Concello non lles solicitara información do que as empresas do pobo necesitan, para mellorar ese servicio de atención que están a promocionar”.

A asociación “segue traballando en campañas de concienciación da importancia de mercar mas no comercio local que por internet e outra campañas de fidelización para que a reapertura dos establecementos locais sexa a mellor posible e desexan que o pobo os apoie
para seguir medrando xuntos”.

O PP RECLAMA “MEDIDAS CONCRETAS” PARA AS PEMES

O PP de Burela insiste na necesidade aplicar as medidas económicas e sociais que teñen solicitado xa no mes de marzo. Considera o servizo de asesoramento a pemes e autónomos “un xesto de cara á galería” e defende que “o tecido económico e empresarial da nosa vila o que quere nesta situación de crise son medidas económicas concretas”, pero “a xestión do goberno local nesta materia é inexistente”.

Os conservadores sosteñen que “o que quere o tecido económico da nosa vila é que o alcalde e o seu goberno poñan en marcha liñas de axudas económicas como están facendo noutros concellos coma Lugo, Riotorto ou Ribadeo”.

FOZ

INSTALACIÓN DUNHA MARQUESIÑA EN SAN MARTIÑO

A Xunta instala unha marquesiña na estrada LU-152 en Foz para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público. O novo refuxio está situado no lugar de Ver, na parroquia de San Martiño, onde ten parada a liña de autobús que cubre a ruta entre o municipio de Foz e Ferreira do Valadouro.
Instalación da marquesiña en Foz. AXM

RIBADEO

O CONCELLO DISPÓN UN SERVIZO DE ASESORAMENTO

O Concello de Ribadeo ofrece un servizo de información telefónica á cidadanía sobre as medidas e axudas relacionadas co Covid-19. Funcionará de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que se trata “dun reforzo para facilitar información relacionada con distintos trámites e axudas como a prestación extraordinaria para persoas autónomas; os Ertes; o aprazamento de pagos de impostos e cotas á Seguridade Social; as prestacións por desemprego; o permiso retribuído recuperable; a incapacidade laboral por Covid-19; as liñas de avais; a moratoria no pago de alugueiros e hipotecas; as axudas á vivenda habitual; a devolución de taxas e prezos públicos, etcétera”.

As persoas interesadas e obter información sobre este servizo poden poñerse en contacto a través do teléfono 679.874.901.

RETÓMANSE AS OBRAS DE REFORMA DA ESTACIÓN DE BUS

A Xunta retoma as obras de remodelación da estación de autobuses de Ribadeo tralo período de suspensión da actividade por mor do coronavirus. Os traballos teñen un orzamento de 140.000 euros.

VIVEIRO

O CONCELLO INFORMA SOBRE FES DE VIDA PARA O COBRO DE PENSIÓNS

O Concello de Viveiro informa a todas aquelas persoas que necesiten tramitar a sinatura de fes de vida remitidas dende o estranxeiro para o cobro de pensións, que deben entregar os impresos no concello, de luns a venres, en horario de 10.30 a 12.00 horas.

Os interesados ou os seus familiares, no caso de persoas que non poidan desprazarse, deberán presentar o DNI e facilitar un número de teléfono de contacto. Tralas comprobacións oportunas, os impresos serán cubertos, asinados e entregados aos interesados pola Policía Local nos seus propios domicilios.

“Con este procedemento, dárase solución ao problema que estaban tendo algún veciños e veciñas, tendo en conta que nalgúns casos este tipo de impresos proceden de países nos que non se paralizaron os prazos dos trámites administrativos e que, polo tanto, están suxeitos á súa remisión nunhas datas concretas”, indica o Concello.

“Aínda que os formularios poden asinarse noutras administracións, por exemplo no Xulgado, o Concello é consciente de que hai moitos veciños e veciñas que teñen por costume realizar este trámite no consistorio e polo tanto, con este procedemento, o grupo de goberno quere adoptar as medidas necesarias para continuar prestando este servizo, que non pode tramitarse telematicamente ao requerir que sexa a propia alcaldesa, María Loureiro, quen asine a man cada un dos impresos”, conclúe o executivo municipal.

XOVE

O BNG ACUSA AO CONCELLO DE MENOSPREZAR A OPOSICIÓN

O BNG de Xove expón que “este pasado luns 13 de abril tiña que terse celebrado un pleno. Así o indica o regulamento que os propios concelleiros nos demos en sesión plenaria organizativa desta actividade a comezo da lexislatura. Tal pleno non só non se celebrou (nin presencialmente con medidas especiais, nin telemáticamente) senón que en ningún momento se nos informou dos porqués da non celebración. A día de hoxe non sabemos se está adiado, se está suspendido ou se ten data de celebración e cando será”, lamenta a formación frontista, que cre que “a situación excepcional que vivimos non pode habilitar de ningunha maneira ao goberno municipal a menosprezar deste xeito a unha oposición que representa un terzo dos votantes”.

“O noso grupo municipal e o conxunto da militancia do BNG quere deixar claro ademais que ninguna das medidas que leva adoptado o goberno foi consultada nin consensuada con nós, como animar á xente a saír da casa para buscar máscaras“.

“Así mesmo descoñecemos os criterios empregados para a supresión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a algunhas persoas, o que nos impide avaliar en que medida son correctos ou non. Tampouco sabemos que medidas compensatorias se adoptarán para empresa e traballadores por esta supresión parcial ou tan sequera se existirán e conforme a que criterios e partidas orzamentarias se implementarán”, critican os nacionalistas.

A MARIÑA

ENTREGA DE MÁSCARAS NAS RESIDENCIAS DE  VIVEIRO E XOVE

A Subdelegación do Goberno distribuíu máscaras á Cruz Vermella e a Cáritas, para facilitar a protección dos traballadores e voluntarios que colaboran nestas dúas entidades e destacou o importante labor social que desenvolven ambas entidades na provincia. Ás residencias de Viveiro e Xove chegaron tamén estes elementos de protección.

O COWORKING CONTINÚA TELEMATICAMENTE

A quinta edición do espazo coworking da Mariña lucense, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), continúa a desenvolver a súa actividade no actual contexto de confinamento activado pola emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19. Así, as 19 iniciativas de emprendemento que se están a acelerar para a súa próxima posta en marcha continúan a recibir formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades de xeito telemático.

Na edición actual da aceleradora con sede en Mondoñedo, que comezou o pasado mes de febreiro, participan 22 emprendedores -14 mulleres e 8 homes- con novas iniciativas empresariais que se centran nas novas tecnoloxías, o benestar ou a alimentación.

REPARTO DE 7.547 MÁSCARAS EN TRECE CONCELLOS

A Xunta de Galicia vén de distribuír esta semana 7.547 novas unidades de protección contra o coronavirus entre os concellos da Mariña para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que en total foron distribuídas 3.850 máscaras cirúrxicas, 3.500 guantes e 77 traxes antisalpicaduras, ademais doutro material de desinfección como 43 unidades de xel e 77 litros de lixivia.

O reparto nesta zona chegou a 13 concellos de máis de 1.500 habitantes. Ademais, leváronse a cabo desinfeccións nos seguintes municipios.

Alfoz

Centro de saúde

O Valadouro

Centro de saúde e residencia de maiores

Xove

Centro de saúde e residencia de maiores San Bartolomeu

Ourol

Centro de saúde

O Vicedo

Centro de saúde

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...