A Garda Civil detectou na localidade lucense de Burela, no interior dun barco pesqueiro, un total de 6.138 kilogramos de cabala ou xarda non declarada. Así o informou o Instituto Armado a través dun comunicado de prensa.
A nota remarca que axentes do Seprona, durante a crise sanitaria do coronavirus, tiveron constancia de que poderían producirse infradeclaracións na pesca da xarda. No marco desta investigación observaron a entrada no porto dun barco pesqueiro, polo que decidiron inspeccionalo para comprobar se as especies capturadas que transportaba se correspondían coa “notificación previa de desembarque“.
INVESTÍGANSE FRAUDES APROVEITANDO O CORONAVIRUS
Deste xeito, expón a Garda Civil, observouse “como o buque pesqueiro descargara varios palés con numerosas caixas contendo cabala”. Daquela, os axentes “accederon á cuberta do barco e á lonxa para constatar se se tiñan pesado os palés, localizando dous deles cun total de 1.666 quilogramos de xarda supostamente descargados desde a bodega do barco, pero cunha etiqueta con data de descarga do día anterior“.
Tras “realizar xestións con persoal da lonxa”, a Benemérita comprobou que “os 1.666 quilogramos de cabala foron pesados no mesmo día da inspección“.
Patrullas do Seprona, apoiadas por efectivos do Servizo Marítimo Provincial do Corpo, controlaron a descarga da pesca contida na bodega do buque e comprobaron se se correspondía cos 9.090 quilos reflectidos na “notificación previa de desembarque”, descargándose un total de 8.095 quilos, cantidade que se atopa dentro da porcentaxe permitida pola normativa vixente.
O BARCO, ESCORADO POLA CARGA OCULTA
Unha vez finalizada a descarga do peixe e mentres se verificaba a documentación do buque polos efectivos do Servizo Marítimo, os axentes decatáronse de como o barco se atopaba lixeiramente escorado cara a un dos seus lados, polo que decidiron inspeccionar a bodega e cuberta. Daquela, segundo expón a nota, observaron na zona de estribor a presenza dunha caixa de plástico de grandes dimensións con redes no seu interior ancorada sobre unha estrutura metálica, o que lles resultou sospeitoso.
Tras mover a caixa de redes localizaron unha trapela sobre a cal encaixaba perfectamente, que accedía a unha segunda bodega de carga ocultada na cuberta inferior non reflectida nos planos do barco. No interior deste espazo atopáronse 273 caixas de cabala non declaradas. O peso resultante en lonxa foi de 4.472 quilogramos, a engadir aos 1.666 dos palés. A raíz destes feitos formulouse unha denuncia á lei de pesca dirixida á dirección territorial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.