A compañía siderúrxica Alcoa, con centros transformadores do aluminio en San Cibrao, A Coruña e Avilés, e maila empresa independente Arconic, escindida da multinacional, pagarán “entre 21 e 53 millóns de euros”, segundo as propias entidades empresariais, para responder da súa responsabilidade nun delito de fraude fiscal detectado por Facenda Pública a raíz da auditoría dos ingresos da firma estadounidense en España entre os exercicios 2006 e 2009.
Alcoa sinala nun documento remitido á Comisión do Mercado de Valores estadounidense (SEC) que a Audiencia Nacional rexeitou no pasado mes de xullo a apelación presentada contra a reclamación, por parte das autoridades fiscais españolas, de 131 millóns de euros, aínda que requiriu a Facenda para que presente unha nova liquidación, a fin de incorporar as deducións aplicadas pola empresa a razón das perdas de exercicios anteriores.
Segundo as estimacións de Alcoa e Arconic, especializada no negocio aeroespacial e automotriz, o importe desta nova liquidación, intereses incluídos, oscila entre os 21 e os 53 millóns de euros. Tendo en conta os acordos para a súa separación en dúas entidades empresariais independentes, Arconic será a responsable do 51% desta cantidade, mentres que Alcoa asumirá o 49% restante.
CARGO DE 26 MILLÓNS
A siderúrxica estadounidense sinala que as dúas compañías non esperan acadar un veredicto favorable nesta disputa legal se presentasen unha apelación ante o Tribunal Supremo, polo que Alcoa contabilizará entre os seus resultados do terceiro trimestre un cargo de 26 millóns de euros para cubrir a súa responsabilidade do 49% do importe estimado nesta nova liquidación.