A Xunta de Galicia investirá 72.245 euros no financiamento do servizo de mantemento de espazos naturais dos concellos de Trabada e Lourenzá.
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza sufragará, por unha banda, gastos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente e dos espazos naturais e, por outra, a adquisición de equipamento de protección ambiental para os dous concellos mariñaos.
Este apoio económico concédese a través da liña competitiva de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental e permitirá contribuír ao financiamento de gastos de funcionamento propios destes servizos, tales como os gastos de persoal e os de mantemento dos tractores empregados no desbroce e limpeza de vías.
CONTEDORES
Tamén está previsto financiar a instalación de diversos contedores para a recollida selectiva de papel e cartón, vidro, residuos sólidos urbanos e envases, ademais de soportes para a suxeición de contedores. O proxecto contempla tamén a construción de soleiras de formigón.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a utilidade do Fondo de Compensación Ambiental para avanzar na protección da calidade medioambiental e a sustentabilidade do territorio. A Xunta destina os ingresos derivados do canon a actuacións encamiñadas á conservación, reposición e restauración do medio.