EFE. Unha das leccións que demostrou esta xigantesca crise sanitaria é, para o neurocirurxián do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) Pedro Reimunde o non rotundo a “tantas acumulacións en zonas urbanas” pois cre que a súa provincia, a de Lugo, vai ter menos casos por non existir as masificacións.
Pedro Reimunde Figueira (Alfoz, 1981), que é tamén profesor asociado de Patología Quirúrxica na Universidade da Coruña (UDC), fisioterapeuta, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e traballou en países como Guatemala, Etiopía e Camerún, exerce de neurocirurxián no complexo lucense e superou recientemente o coronavirus, como relatou ao Xornal da Mariña.
Como médico cooperante tamén, ve necesario que a actual situación leve á xente a reformularse “a relación co planeta”, tal e como indica nunha entrevista con Efe, e subliña que a provincia de Lugo, que carece de núcleos moi grandes e ten “unha densidade de poboación baixa“, terá menos diagnosticados polo patóxeno que desencadeou a pandemia e menos mortes que outras zonas.
“Lugo é xa que logo un bo exemplo de que se cadra conviría que non houbese tantas acumulacións en áreas urbanas e menos abandono das rurais“, reflexiona ante a eventualidade de afrontar outra futura pandemia este galego que, aínda que coñece moitos lugares de distintos continentes, pertence a un municipio de 1.750 habitantes.