Muebles Hermida entrou en fase de liquidación, segundo confirmaron fontes sindicais. A moblería de Lourenzá acollerase o 9 de decembro do pasado ano ao concurso voluntario de acredores, que finalmente non puido superar. A entidade foi declarada disolta polo Xulgado de Primeira Instancia número 2 e mercantil de Lugo.
A principios de xaneiro, os sindicatos e o administrador concursal acordaran un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) por un prazo máximo de nove meses, que entrou en vigor a finais dese mes cun total de 93 traballadores afectados, a fin de atopar un comprador, a única solución alternativa ao peche segundo as centrais sindicais.
Muebles Hermida, que chegou a contar con 225 empregados e 24 millóns de facturación anual, situándose entre os dez primeiros fabricantes de mobles de fogar a nivel español, foi fundada en 1955, seguindo un taller de ebanistería familiar do 1915. Nas últimas décadas iniciou o seu declive e no 2011 acolleuse a un Erte que supuxo 75 despedimentos. A empresa foi un referente socioeconómico para o municipio de Lourenzá e para o interior da Mariña Lucense.